Constituíuse en Santiago a Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento

martes, 12 de decembro do 2006 Raquel Noya

Constituída baixo a presidencia do titular da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, a Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento (creada este luns 11 de decembro) integra a un grupo de empresas líderes en Galiza así como ás tres universidades da nosa terra e á propia Xunta a través da Consellería de Economía e Facenda. Concibida como unha iniciativa orientada a impulsar proxectos no eido da Sociedade do Coñecemento, a Fundación (FSC) traballará para “consolidar redes de cooperación que potencien as vantaxes dun entorno económico e social máis dinámico baseado no uso intensivo das novas tecnoloxías”.
Asemade, tamén fará fincapé na incorporación do desenvolvemento tecnolóxico no ámbito produtivo e empresarial e, como non, na constitución de redes compactas de coñecemento entre os diferentes actores empresariais, financeiros, institucionais e de investigación.
Na primeira xuntanza do seu padroado acordouse que a Fundación divida a súa actividade en áreas temáticas que contarán con comités específicos dedicados á investigación e ó coñecemento, á captación de novos proxectos de investimento, á internacionalización, á cooperación empresarial e á cultura emprendedora.

PUBLICIDADE