Constrúen unha Polaroid de imaxes GIF

mércores, 30 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Aínda que pode parecer absurdo, non son poucas as persoas que ao introducirse nos últimos anos no mundo da Internet teñen dificultades para entender conceptos como que non poden imprimir imaxes animadas en formato GIF (conservando a animación), pero hai quen ten imaxinación dabondo para superar tal atranco, e o argalleiro Abhishek Singh conseguiu facer realidade a Instagif NextStep, unha modificación dunha clásica cámara fotográfica Polariod OneStep que en vez de disparar fotografías que se revelan automaticamente no seu cartucho inclúe unha pequena pantalla que simula ser unha fotografía Polaroid animada.
Os interesados poden ver todo o proceso de creación desta cámara capaz de disparar imaxes GIF, aínda que o cartucho só ten batería dabondo como para funcionar uns 20 minutos fóra da cámara (por ter que contar cunha batería o suficientemente pequena para integrala nun cartucho de Polaroid).
Para facer realidade este proxecto empregáronse distintos elementos baseados en Raspberry Pi tanto na cámara como no cartucho, de xeito que por un lado constrúese unha cámara baseada en hardware libre e, polo outro temos unha pequena pantalla de 2,8 polgadas para amosar as imaxes animadas captadas.
Estamos ante unha creación moi intelixente, na que conséguese recrear dun xeito revolucionario un produto clásico, facendo uso de elementos relativamente doados de conseguir e cun resultado final que deixa a calquera coa boca aberta.

Vídeo de presentación da Instagif NextStep

PUBLICIDADE