Conta atrás para o Lérez Up, o gran evento friki-gamer de Pontevedra
mércores, 3 de setembro do 2025
O Lérez Up, o salón do videoxogo e da cultura friki organizado pola asociación Gaming Troop e o Concello de Pontevedra, celebrará a súa cuarta edición os días 13 e 14 de setembro no Recinto Feiral.
Tras superar en 2024 a cifra de 5.000 asistentes, a Lérez Up volve este ano “cun programa reforzado que combina o mellor das edicións anteriores con novas actividades, zonas temáticas e colaboracións locais”, informaron as entidades organizadoras.
Explicaron tamén que a edición de 2025 incorpora novas propostas que amplían a experiencia do público. Entre elas, destaca o reforzo da Zona K-Pop que inclúe unha chea de actividades nas que participar ao longo do día e o seu agardado concurso de baile, este ano patrocinado por WordPress.com; ou a Zona Card Games, con torneos de Pokémon TCG, Magic The Gathering e Riftbound, o novo xogo de cartas de League of Legends.
Ademais, volven actividades tan queridas como o torneo nacional de Smash Bros Ultimate, que superou este ano as cifras de participación das edicións pasadas; o concurso de cosplay, que ateigará o salón de actos unha vez máis de vestiarios rechamantes; ou a Zona Indie, onde os desenvolvedores independentes presentarán os seus xogos ao público.
Ademais, o apartado de charlas e formación medra con propostas “moi variadas”, segundo salientou a organización, que destaca a mesa redonda do colectivo FemDevs, que mostrará de forma didáctica como calquera pode lanzarse a crear videoxogos; e a mesa de El Bertedero, unha agrupación de artistas galegos que falarán de como crear en comunidade a través dos formatos fanzine e webcómic.
A nivel artístico, haberá tamén unha programación ampliada de obradoiros, impartidos por diferentes creadores e creadoras, que incluirán dende debuxo de animais e urban sketching ata caligrafía xaponesa ou pintura de Pokémon 3D.
A Lérez Up 2025 conta co apoio de negocios locais como PCBox, Percalandia, Código Oculto, Comunicación para la Venta, Teucrograf, Dixital Marketers e o Pontevedra CF, co que “reforzamos a conexión do evento co tecido económico da provincia”, sinalan dende a organización.
Dende Gaming Troop destacan a nivel internacional a colaboración con WordPress.com, que este ano ofrecerá un obradoiro práctico para artistas e creadores sobre como crear a súa propia páxina web e unha charla sobre como crear identidades dixitais a través das páxinas persoais de cadaquén.
O evento contará tamén coa participación de asociacións e colectivos galegos que ofrecerán actividades moi variadas ao público. Desde a iniciación á práctica do kendo con espadas de bambú do Club de Kendo Fuji Dojo ata a proposta de Alén das Avelaíñas, que mostrará a moda lolita como expresión cultural. A estas súmanse colectivos que repiten participación como Jugger Vigo, que dará a coñecer este deporte alternativo a través de partidas de iniciación, ou os coruñeses de Escuadrón SAS, que volverán encher a Lérez Up de duelos de sabre láser e actividades ambientadas no universo Star Wars, pasando pola pontevedresa Pontelabs, que traerá a súa esencia máis maker e tecnolóxica ao evento.
As entradas están xa dispoñibles vía web cun prezo reducido ata o venres 12 de setembro ás 12:00h: 6 euros por un día e 9 euros para os dous días. A partir desa data, poderán adquirirse tamén no despacho de billetes durante o evento cun incremento de 1 euro.
