Conta atrás para o lanzamento da aplicación web que permitirá controlar o acceso a Areoso

mércores, 28 de xuño do 2023 S. P.

A Xunta informou que está na súa recta final de desenvolvemento a aplicación web que permitirá implantar a partir de xullo o novo sistema de control de acceso á illa Areoso, na ría de Arousa, coincidindo coa entrada en vigor da orde reguladora de usos públicos e actividades permitidas no espazo natural que conforman o arquipélago dos Guidoiros (do que forma parte este illote) e a illa da Rúa, en Ribeira.
Con este obxectivo, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, o xefe territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en Pontevedra, José Manuel González, e persoal da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) mantiveron estes días unha reunión de traballo para pechar os últimos detalles técnicos antes da posta en marcha oficial do novo sistema.
Segundo informaron, a aplicación atópase actualmente en fase de probas aínda que non será accesíbel para os cidadáns ata a publicación da nova orde reguladora no DOG e a súa entrada en vigor, prevista para comezos do vindeiro mes de xullo.
O sistema deseñado pola AMTEGA para canalizar as autorizacións de visita e regular o fluxo de persoas que acceden ao illote do Areoso contou co apoio e supervisión da Vicepresidencia Segunda, que informou que “na práctica será moi similar ao que se utiliza xa desde hai varios anos no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e no Monumento Natural das Catedrais, polo que a súa eficacia e operatividade están demostradas”.
Fontes da Xunta lembraron que o departamento autonómico empezou a traballar o ano pasado no regulamento de usos e actividades permitidas no conxunto que conforman o Areoso e outra serie de illas próximas co fin de “garantir o equilibrio entre a protección dos seus valores e recursos naturais e o aproveitamento público deste espazo, que nos últimos anos viña rexistrando unha afluencia de visitantes crecente”.
Para asegurar o cumprimento deste obxectivo, a nova orde limita a 150 os visitantes diarios permitidos no illote arousán a través de tres quendas de visitas (do amencer ás 13,00 horas; das 13,00 horas ata as 17,00 horas; e das 17,00 horas ata o solpor).
Ademais, antes de comezar coa redacción da orde e unha vez que dispuxo do primeiro borrador, a directora xeral de Patrimonio Natural mantivo unha intensa rolda de contactos cos principais axentes públicos e privados con intereses na zona ou que se podían ver afectados pola futura regulación para buscar un documento o máis consensuado posible. De feito, incorporáronse ao redor do 90% das alegacións recibidas durante a fase de información pública da orde.

PUBLICIDADE