Contacnova botará luz na Tecnópole sobre as potencialidades de xestión dos centros de contactos

luns, 27 de xaneiro do 2014 Redacción

Seguen adiante as actividades dos Mércores de Tecnópole, un ciclo dirixido a facilitar aos nosos profesionais e empresarios a posibilidade de actualizaren os seus coñecementos sobre innovación, mercadotecnia e servizos tecnolóxicos postos en marcha para seren máis competitivos e eficientes. O ciclo, que vén da man da Tecnópole de Ourense, actualízase á súa vez con novos puntos de vista sobre a materia prima TIC da que podemos botar man. Sen ir máis lonxe, este 29 de xaneiro celébrase no dito complexo empresarial unha sesión sobre as potencialidades cos contact center como ferramentas de xestión. A cita vén da man de Contacnova, máis polo miúdo do seu responsábel de desenvolvemento de negocio, Rogelio García.
A firma galega Contacnova, da que temos falado dende Código Cero con motivo do seu labor de seguimento e análise en procesos electorais, exporá na cita deste mércores as tendencias no seu sector e presentará as opcións de cooperación que a empresa ten abertas para proxectos conxuntos con outras empresas. Contactnova, pertencente ao Grupo Netaccede, conta cunha traxectoria de máis de dez anos na prestación de servizos de outsourcing especializados en solucións de mercadotecnia, atención telefónica, atención ao cidadán, apoio á xestión e consultoría estratéxica e telefónica. Segundo informa a Tecnópole na súa web, Contacnova “dispón dos sistemas máis avanzados de comunicación e emprega as últimas e máis potentes tecnoloxías, ofrecendo aos seus clientes un servizo coa máxima calidade e garantía”. Tamén lembra a Tecnópole que a arquitectura CTI (Computer-Telephone Integration) de Contacnova permítelle “amplas funcionalidades en resposta de voz interactiva (IVR), distribución automática de chamadas (ACD) e sistemas de marcación progresiva”. A empresa galega dá servizo a firmas de sectores tan dispares como a enerxía, a moda ou o motor, achegando tamén recursos á Administración galega, para a que xestiona os servizos de Atención á Muller e de Información ao Cidadán 012, entre outros. A cita con Contactnova será o día 29 ás 12 horas na terceira planta do Edificio CEI de Tecnópole. Para asistir só hai que inscribirse na web do Parque Tecnolóxico de Galicia.

PUBLICIDADE