Continental e Costa Oeste presentan un cómic interactivo para iPhone

martes, 29 de decembro do 2009 Fernando Sarasketa

O noso sector tecnolóxico-audiovisual non se estanca na crise. Máis ben o contrario: semella querer botar man do seu enxeño para chegar a onde non chegou ninguén antes. Un exemplo disto foi dado a coñecer este martes no edificio Emprendia do Campus Sur Santiago da man de Continental Games e Costa Oeste. Trátase dunha ferramenta que, como dixemos, adiántase no eido internacional a calquera outra do seu contexto en ambición e posibilidades á hora de cinguir dous mundos: novas tecnoloxías e cómic. Estamos a falar da iniciativa iMotion Comic, plataforma interactiva e multimedia para o iPhone e o iPod Touch desenvolvida dende a nosa terra polas devanditas empresas co obxectivo de abrir posibilidades de mercado que, lonxe de afogar a creatividade, sexan quen de estimulala. Neste caso en concreto, a creatividade ligada ás viñetas.
En palabras de Pancho Casal, presidente do Grupo Continental, a ferramenta pódese presentar en poucas verbas e de xeito conciso: consiste nun motor para transformar o cómic a iPhone.
Para quen pense que se trata dunha proposta máis abstracta ca concreta, dicirlle que se poderá descargar a partir de mediados de xaneiro dende a tenda en liña AppleStore, na que se lle abrirá un mercado potencial nada desprezable: o de 50 millóns de clientes distribuídos en máis de 70 países.
Por certo que no desenvolvemento dos aspectos máis tecnolóxicos, a iniciativa contou coas achegas de Paralaxe Multimedia, empresa xurdida ao acubillo da Universidade de Santiago que fixo unha importante contribución á hora de simplificar o produto e poñelo a disposición de calquera debuxante.
O esencial: unha historia
No acto de presentación do produto celebrado en Uniemprendia, amais de representantes de Continental, Costa Oeste e Paralaxe, tamén participou o debuxante galego Miguelanxo Prado, responsable de subministrarlle á estrea do iMotion Comic aquilo sen o que non sería posible: unha historia. Estamos a falar da obra Quotidiania Delirante, colección de historias curtas xa presentadas en diversas publicacións e que abre con este chimpo ao dixital e á sociedade conectada un novo camiño de promoción. Para abrir as entregas de iMotion Comic elixiuse da devandita colección a peza Meigas, unha divertida proposta na que unhas bruxas galegas demostran ter máis coñecementos sobre as actividades económicas do que os propios responsables de regulalas supuñan. Tal e como deu a coñecer Miguelanxo Prado, a colección de cómics está integrada por máis de 40 historias independentes dende o punto de vista narrativo pero cunha serie de nexos comúns ligados ao punto de vista adoptado: a vontade de facer crítica social, a ironía e máis o surrealismo.
Esta primeira entrega da achega do debuxante galego poderá descargarse de balde, e contará, como as restantes, con narración en inglés e textos (para os bocadillos da banda deseñada) en galego, castelán, inglés e francés. As seguintes historias están preparadas para saír xa á Rede a un prezo de descarga moi económico.
A idea de Continental é ir mellorando certos aspectos e ampliando posibilidades como as linguas dispoñibles, tanto para os textos como para canle de audio.
As mellores circunstancias
Como dixemos, no acto de presentación do iMotion fixo acto de presenza Pancho Casal, que cualificou de idóneas as circunstancias que acompañan a saída deste formato dende a nosa terra: por unha banda, contamos cun sector audiovisual que está a coller folgos para abrir novos ocos de mercado e, pola outra, dispoñemos dunha serie de artistas con vontade de explorar novas linguaxes e xeitos de achegamento ao público. Amais, dixo, a isto hai que engadir o apoio de institucións como a Universidade de Santiago e os bos agoiros que acompañan ao novo ano dixital: un ano que comeza cun acontecemento que revoluciona o literario (Amazon vendendo máis eBooks ca libros de papel) e cun novo produto no mercado (o Tablet que vai lanzar Apple para tirar máis partido das vantaxes do iPhone). Por se isto fose pouco, engadiu, cómpre salientar as posibilidades da Apple Store, tenda en liña que dará acubillo ás achegas de iMotion Comic e que vai permitir a súa comercialización cara a calquera recanto do mundo.
Nin cen por cen cómic, nin cen por cen audiovisual
O resultado desta dixitalización de banda deseñada segue a ser cómic, pero tamén é outra cousa, sobre todos se temos en conta que se lle engaden certas animacións que, malia non romper coa esencia da obra orixinal, si que representan unha novidade. A isto cómpre sumar opcións de linguaxe para os textos, música e son, efectos especiais e narración. Para Miguelanxo Prado a aposta do iMotion Comic é unha aposta do noso tempo, no que cada vez é máis complicado delimitar as fronteiras entre as linguaxes. A historia proxectada hoxe, Meigas, é un exemplo desta procura de novos formatos e de expresións. Para o debuxante galego, a experiencia é moi positiva e está claro que a colección Quotidiana Delirante é quen de adaptarse de maneira idónea a este formato. Con todo, fican cousas por pulir: “O produto non está rematado e cómpre mellorar o relativo á adaptación dunha canle a outra, xa que hai que ter en conta que nos cómics tradicionais o lector marca o tempo da narración, e aquí é unha tecnoloxía quen o fai”. E proseguiu: “Se eu agora fixese unha historia para ser contada con esta ferramenta, xa partiría de elementos propios desta nova linguaxe, elementos que foron engadidos polo equipo técnico e está claro que non tiña por que ser así”. Con todo, hai unha clara continuidade: o novo formato mantén a elipse propia da banda deseñada.

PUBLICIDADE