Continúa a caída en vendas de tabletas

martes, 6 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Os últimos datos sobre o mercado de ordenadores portátiles 2-en-1 recollidos por IDC recollen o que parece ser un crecemento interanual do 10,3% para o último trimestre do ano, aínda que se collemos os datos do ano completo o crecemento sería de só o 1,6%, mentres que durante 2016 o crecemento fora do 24%, deixando así constancia dunha deceleración neste segmento de produtos que, pese a todo, está a procurar compensar a decadencia das tabletas puras.
Se analizamos o comportamento das tabletas tradicionais temos que aínda manteñen un bo volume de vendas (43,1 millóns no último trimestre de 2017 e 141,7 millóns durante todo o ano) pero o seu uso xa non é a produtividade, senón que quedan relegadas ao consumo multimedia, chegando a experimentar unha caída de vendas do 7,6%.
O principal fabricante de tabletas a nivel mundial continúa a ser Apple, que mantén unhas sólidas vendas, cunha previsión de crecemento no iPad Pro, produto que si pode ter usos profesionais e educativos. Por outra banda Amazon consegue un segundo posto grazas aos seus produtos de baixo custo (en moitos casos subvencionados para favorecer o ecosistema de contidos da compañía) superando a Samsung (que pola contra está ben posicionada tanto en tabletas básicas como en convertibles). Huawei e Lenovo serían os seguintes fabricantes en vendas, mentres que o resto de fabricantes no seu conxunto experimentan unha grande caída en vendas (do 27,7%).
En termos xerais (contabilizando tabletas e portátiles 2-en-1) rexistrouse unha caída de vendas do 7,9%, aínda que o sector podería recuperarse lixeiramente ao longo de 2018, xa que prevese o lanzamento de distintos equipos con Windows 10 e procesadores ARM que poderían reavivar o mercado ao ofrecer novas posibilidades (conectividade móbil, grande autonomía e un peso e un tamaño contidos).

PUBLICIDADE