Continúa en Marín e Redondela a exposición interactiva Orgullo da nosa lingua de Política Lingüística

xoves, 28 de setembro do 2023 S. P.

A exposición itinerante Orgullo da nosa Lingua, impulsada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, continua o seu periplo pola nosa terra. Logo do seu paso por Arteixo e Ribeira (entre o 18 e o 24 de setembro) recalará en Marín e Redondela, no primeiro caso entre o 25 de setembro e o 1 de outubro (no paseo avenida de Ourense, diante do Concello) e no segundo do 2 ao 8 de outubro (na Alameda).
En Ribeira
En Ribeira, a inauguración da mostra foi un dos grandes acontecementos culturais do mes de setembro, contando coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e máis do alcalde Luís Pérez Barral. García explicou que esta mostra “quere resaltar non só o rica que é a lingua galega, senón tamén o feito de que é creación única dos galegos”. Nesta liña afirmou que a exposición “presenta o galego como o que é: unha lingua con pasado, pero tamén con futuro”.

Inauguración da mostra en Ribeira, na praza do Concello

Peculiaridades e trazos de identidade
Orgullo da nosa lingua recolle algunhas das peculiaridades e trazos de identidade do noso idioma e da súa evolución co obxectivo de promover o galego entre todos os sectores da poboación. Composta por cinco grandes paneis de 1,70 metros de alto e de dúas caras, aborda temas como a riqueza toponímica de Galicia, a abundancia do noso refraneiro, as variedades dialectais, as numerosas palabras que temos para falar da chuvia ou as moitas formas diferentes de chamarlles aos mesmos peixes.
Tecnoloxías
A mostra ten tamén unha importante vertente tecnolóxica. De feito, o público pode acceder tamén a premios a través dun código QR dispoñíbel en cada unha das estruturas da mostra respondendo a unha enquisa sobre a lingua galega e entrando no sorteo de lotes sorpresa, que poderán incluír agasallos como entradas para espectáculos, camisetas, bolsas e moito máis.
Toda a información sobre a exposición está dispoñíbel no Portal da Lingua Galega.
Máis de 70 accións de dinamización lingüística
Esta actividade enmárcase na programación do FalaRedes 2023 da Secretaria Xeral de Política Lingüística, que desde o seu comezo o pasado marzo promoveu máis de 70 accións de ocio en galego como espectáculos ou monicreques. Os obxectivos deste programa, que xa vai pola súa duodécima edición, son ampliar a oferta de ocio no noso idioma, reforzar a oferta de actividades en galego dos concellos adscritos, promover o uso e valoración positiva da lingua propia de Galicia e apoiar os e as artistas que desenvolven o seu traballo nela.


PUBLICIDADE