Continúa o proceso de liberación do segundo dividendo dixital

venres, 17 de xaneiro do 2020 Redacción

O Segundo Dividendo Dixital, do que falamos os días pasados en Código Cero para lembrar o papel protagonista de Lugo no inicio do proceso (a provincia galega atopábase entre as contornas onde comezaba o apagamento das frecuencias da TDT encamiñado a a deixar espazo libre para o despegue de 5G), iniciou o ano cunha conta atrás. O dividendo arrincou o ano pasado abranguendo Lugo e outras quince provincias: Albacete, Almería, Áraba, Biscaia, Córdoba, Guipúscoa, Granada, Huelva, Huesca, Baleares, Málaga, Segovia, Soria, Teruel, Valladolid e Zaragoza.
Para quen non o saiba, este apagamento das frecuencias da TDT vén motivado pola necesidade de deixar espazo libre ao despegue de 5G. Este mes de febreiro os traballos chegan ao punto culminante da primeira fase, co cese das emisións dalgunhas canles estatais e autonómicas a través das súas antigas frecuencias en 2.413 municipios de España correspondentes a 29 áreas xeográficas establecidas no Plan Técnico Nacional da Televisión Dixital Terrestre.
Estes municipios están repartidos en 32 provincias de 11 Comunidades (Andalucía, Aragón, Castela A-Mancha, Castela-León, Comunidade Valenciana, Estremadura, Galicia, Illas Baleares, A Rioxa, Navarra e País Vasco).
Nestes territorios as vivendas deberán ter adaptados os seus sistemas de recepción de sinal para poder seguir desfrutando das canles de TV. O proceso rematará o 3 de marzo. O apagamento implicará o despexe da banda de 700 megahercios (o Segundo Dividendo Dixital).
O proceso acompáñase de medidas que faciliten a adaptación da cidadanía. Así, co “fin de facilitar a transición e minimizar o impacto”, as cadeas de televisión están a emitir de maneira simultánea a través das frecuencias nova e antiga (simulcast) desde o pasado mes de xullo e de setembro dependendo dos municipios. Tras este período de simultaneidade, procederase ao cesamento das emisións nas frecuencias antigas os vindeiros 11 e 13 de febreiro e o 3 de marzo, dependendo desde que área xeográfica reciba o sinal cada un dos 2.413 municipios.
O Goberno lembra que os “administradores de leiras ou os presidentes de comunidades de todos aqueles edificios que non realizasen aínda estas adaptacións deben contactar canto antes cunha empresa instaladora rexistrada”.
O proceso de Dividendo Dixital está a levarse a cabo en diferentes fases. O pasado 14 de novembro comezou a segunda fase co aceso das novas frecuencias noutros 1.433 municipios de Canarias, Cantabria, Cataluña e Madrid, e algúns municipios de Aragón, Castelló, Castela-A Mancha e Castela e León. Estes acesos supuxeron que o proceso chegase xa a 43 áreas xeográficas.
Dentro desta segunda fase, o vindeiro luns 20 de xaneiro comezará a emisión nas novas frecuencias e tamén en simulcast nas áreas de Cidade Real e Pontevedra; e o 17 de febreiro para as de Cádiz Este, Cádiz Oeste, Xaén, Sevilla, Cuenca, Ávila, Burgos Norte, Burgos Sur, León este, Palencia, Salamanca, Zamora, Ceuta, Alacante, Castelló, Valencia, Badaxoz Oeste, Estremadura Centro, Ourense, Rioxa Oeste, Murcia Sur e Navarra.
O apagado da frecuencia antiga en todo o territorio estatal prevese a finais do segundo trimestre de 2020 e sempre antes do 30 de xuño.
Toda a información sobre o cambio de frecuencias da TDT está dispoñíbel na páxina web oficial sobre o tema e a través dos números de atención telefónica 901 20 10 04 e 91 088 98 79.

PUBLICIDADE