Conversor de compoñentes a VGA con soporte de alta definición

xoves, 12 de xuño do 2008 Marcus Fernández

XCM anunciou vai pór á venda en breve a súa 1080p Mega-Cool VGA box, que vén a ser un conversor de sinais de vídeo por compoñentes a VGA, o que resulta moi práctico para conectar consolas de videoxogo a monitores de ordenador, o que tamén permite un achegamento máis económico á alta definición (temos monitores FullHD por menos de 300 euros).
O conversor é compatible con Game Cube, Wii, Xbox, Xbox 360, PSP, PS2 e PS3, permitindo converter sinais por compoñentes dende 480 liñas en entrelazado ata 1.080 liñas en progresivo para amosalas nun monitor, soportando tanto sinais PAL coma NTSC.
Para facer máis cómodo o seu uso, o conversor aliméntase por USB (que teñen varias das consolas, o que evita empregar un enchufe de corrente adicional).
Este tipo de dispositivos xa existen dende hai anos, pero a alta definición está a potenciar o seu uso, xa que a Xbox 360 e a PS3 permiten unha calidade de imaxe que na actualidade só se podía apreciar en grandes televisores de nova xeración, pero que tirando dun monitor de ordenador se poden conseguir a un prezo moito máis axustado (e non invadindo o salón doméstico).

PUBLICIDADE