Convocada a quinta edición dos Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco

luns, 4 de setembro do 2017 Redacción

Fortalecer o chan que pisan as/os emprendedoras/es creativas/os. Este é un dos grandes obxectivos dos Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco, que veñen de chegar á quinta edición da man da Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Segundo fan saber os impulsores do certame, trátate dun “concurso de ideas e proxectos innovadores co que dar apoio aos emprendedores e dinamizar as industriais culturais galegas”. A iniciativa, que desta volta conta co respaldo do IGAPE, diríxese a impulsar proxectos dos seguintes eidos de acción (tres modalidades): aplicacións informáticas ou proxectos culturais en Internet, propostas na área do deseño, creación artística e plástica e na área da xestión cultural.
O recoñecemento en cada unha das categorías será a incorporación de balde durante doce meses ao Centro de Emprendemento do Gaiás, onde os responsábeis das novas iniciativas de mercado contarán cun asesoramento personalizado e un premio en metálico de 2.000 euros para contribuír ao financiamento de cada proxecto (grazas á devandita colaboración do IGAPE).
Segundo explican os impusores do certame, nel teñen cabida deseñadores-ilustradores, profesionais da comunicación, produtores, xestores culturais, programadores de aplicacións informáticas e de proxectos culturais na internet e calquera outra persoa con vencellos no emprendemento cultural.
Esta quinta convocatoria está destinada a titulados de ciclos medios e superiores de Formación Profesional e das ensinanzas profesionais de artes plásticas, titulados e diplomados de escolas de arte, licenciados e diplomados universitarios en humanidades e/ou calquera outra rama artística e calquera outra persoa licenciada ou diplomada con ligazóns emprendemento cultural e que desexen desenvolver a súa actividade na Cidade da Cultura.
Xunto coa solicitude de participación, os interesados deberán presentar os seus traballos e documentación acreditativa da súa formación á Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Tanto as bases do concurso como a solicitude de inscrición están dispoñibles na páxina web da Cidade da Cultura e no portal da Xunta de Galicia.
Á hora de avaliar os proxectos terase en conta (por orde de importancia) a aplicación industrial ou comercial de resultados de investigación científica; o desenvolvemento dun novo método de produción ou de organización dos recursos produtivos; a creación de invencións ou deseños industriais innovadores; e a aplicación de innovacións en invencións ou deseños industriais, de embalaxe ou deseño gráfico de produtos tradicionais que “melloren dun xeito significativo a súa competitividade no mercado”.
Desde a posta en marcha en 2013 dos primeiros Emprende Gaiás-Sixto Seco, once empresas do ámbito cultural e dos contidos dixitais comezaron a desenvolver a súa actividade no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura.
Os premios Emprende Gaiás-Sixto Seco homenaxean a figura do médico e intelectual galego Agustín Sixto Seco, quen participou (alén da súa actividade no ámbito da saúde) desde a década dos 70 en proxectos editoriais como Galaxia, en padroados como o de Rosalía de Castro e da Fundación Otero Pedrayo, así como en institucións como Penzol, Castelao, Camilo José Cela e o Museo do Pobo Galego.

PUBLICIDADE