Convocada a sexta edición do premio xuvenil de podcasts O Vello dos Contos

xoves, 9 de novembro do 2023 S. P.

O IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), Arraianos Producións, Ponte... nas Ondas e a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocaron a sexta edición do Certame de Podcasts en Galego e Portugués Xosé Mosquera Pérez, O Vello dos Contos. O obxectivo deste certame, dirixido ao alumnado de 10 a 18 anos, é promover a lingua e a cultura galega e portuguesa entre a mocidade mediante a elaboración de gravacións sonoras online e orixinais relacionadas coas nosas escritoras e escritores.
Poderá concorrer a estes premios o alumnado de 10 a 18 anos dos centros de ensino de Educación Primaria (de 5º e 6º cursos) e Secundaria de Galicia, así como doutros centros de ensino non universitario de Galicia e daqueles que imparten ensinanzas de réxime xeral, do mesmo nivel, fóra da Comunidade Autónoma. Así mesmo, poderá participar o alumnado da mesma idade das escolas do Norte de Portugal.
Presentaranse podcasts orixinais e inéditos relacionados coa vida e obra de Luísa Villalta, a autora a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas en 2024, ou con outros aspectos do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia e do Norte de Portugal, cunha duración mínima de tres minutos e máxima de cinco.
Premios
-Premio ao mellor traballo do alumnado de 5º e 6º cursos de Primaria de Galicia e dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral, do mesmo nivel, fóra da Comunidade Autónoma.
-Premio ao mellor traballo dos centros de educación secundaria e doutros centros de ensino non universitario de Galicia e dos que imparten ensinanzas de réxime xeral, do mesmo nivel, fóra da Comunidade Autónoma.

PUBLICIDADE