Convocadas cinco licitacións públicas para desenvolver tecnoloxías baseadas en UAV

xoves, 31 de agosto do 2017 Redacción

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) está a informar ao detalle das novas oportunidades de compra pública innovadora a nivel europeo que se nos abren en materia de UAV, drones e tecnoloxías análogas e complementarias. Segundo lembra GAIN, o Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) publicou hoxe as cinco primeiras licitacións para a compra de solucións tecnolóxicas innovadoras baseadas no uso de Vehículos Aéreos non Tripulados (UAV polas súas siglas en inglés) para mellorar a prestación de determinados servizos públicos. O importe total das contratacións ascende a 7.250.000 euros. Poderán presentarse entidades ou consorcios ata o vindeiro 27 de setembro. Os pregos están dispoñíbeis xa nas webs de GAIN e da Civil UAVs Initiative.
Ademais, a axencia lembra que se vai celebrar unha xornada a mediados de setembro para explicar os pregos e facilitar a colaboración entre as entidades interesadas en participar. Estas contratacións enmárcanse no contexto do Polo Tecnolóxico e Industrial de avións non tripulados de Rozas e están financiadas con cargo a un convenio de colaboración co Ministerio de Economía, Industria e Competitividade, co-financiado a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). “O seu contido”, informa GAIN, “é resultado dun proceso de consultas ao mercado que durou máis dun ano e no que interviñeron máis de 200 entidades (entre empresas, centros tecnolóxicos, centros de investigación e as consellerías da Xunta de Galicia)”.
En concreto, as solucións que se licitan son: un xestor de conxunto de datos xeorreferenciados obtidos por UAV; a adquisición, mantemento e automatización de bases topográficas e cartográficas mediante medios aéreos non tripulados; o seguimento das dinámicas de ocupación do solo e axuda á planificación territorial mediante o uso de vehículos aéreos non tripulados; o reforzo da seguridade marítima da frota pesqueira galega e das actividades de seguimento da súa actividade mediante o uso de vehículos aéreos e mariños non tripulados e a automatización de mostraxes oceanográficas mediante vehículos non tripulados.

PUBLICIDADE