Convocados 90 centros e 6.000 alumnos para participar por videoconferencia no III Día da Ciencia en Galego
martes, 6 de novembro do 2012
A
Coordinadora Galega de Equipos de Normalización de Dinamización
Lingüística, CGENDL, sumouse
un ano máis ás actividades do Día da Ciencia e a Tecnoloxía en
Galego (4 de novembro). E fíxoo convocando ao meirande número de
centros educativos galegos botando dunha tecnoloxía que permite,
precisamente, esta multiplicación de colaboradores e participantes e
sen que sexan precisos grandes investimentos: a tecnoloxía da
videoconferencia. A
actividade celébrase
este martes 6
de novembro, baixo o epígrafe Facendo
Física de Partículas polo mundo.
O obxectivo é
sumarse a unha festividade que se ben estaba fixada para o día 4,
presenta
múltiples ramificacións. Falamos do III Día da Ciencia e a
Tecnoloxía en Galego (a vertente galega, ceibe de apoios oficiais e
ataduras, da Semana da Ciencia), convocada
polos colectivos de docentes das áreas científicas e tecnolóxicas.
En total, participan na dita xeira telemática máis de 6.000 alumnos
e 90 centros.
Para
o seu desenvolvemento contouse coa axuda do Servizo de Normalización
Lingüística da Universidade de Santiago. Na actividade participan,
máis en detalle, investigadores galegos que están a desenvolver o
seu traballo nos eidos da Física de Partículas dende diversos
recantos de toda Europa
e dentro do ámbito da Educación Secundaria. O alumnado galego ten
pois, este
martes 6,
a oportunidade de interactuar cos relatores a través dun chat,
complementario á videoconferencia.
Lembrar
que o Día da Ciencia e a Tecnoloxía en Galego ten como obxectivo
demostrar que a nosa lingua é un idioma apto para o desenvolvemento
das materias científico-técnicas no ensino,
“eidos excluídos para o
galego en diferentes niveis educativos segundo o Decreto para o
Plurilingüismo”,
sinala a Coordinadora.
Ás
12:30, e cunha duración dunha hora, dá
comezo a videoconferencia dirixida ao alumnado de ensino secundario
baixo o título Facendo Física de
Partículas polo mundo, na que
participan como
relatores Patricia
Conde (física
do experimento ATLAS do CERN que investiga no LIP de Lisboa), Olalla
Castro (profesora
no City University de Londres que investiga en Teoría Cuántica de
Campos), Abraham
Gallas (investigador
do CERN e físico do experimento LHCb do CERN en Xenebra), Carlos
Salgado (investigador
do CERN e a USC que investiga o estado da materia nos primeiros
instantes do Universo) e Cibrán
Santamarina (profesor
da Universidade de Santiago que traballa no experimento LHC do CERN).
Segundo apuntan os organizadores, a inscrición de
centros educativos foi moi alta e superáronse as expectativas
previstas, posto que tiveron que ficar institutos e colexios fóra
das 100 conexións outorgadas por esixencias técnicas do software
empregado para a ocasión. En total, serán algo máis de 6.000
rapaces e rapazas de toda Galicia os que sigan as intervencións dos
relatores, aos que lles dirixirán preguntas a través dun chat na
propia sala virtual da videoconferencia. “Con esta actividade e
outras presenciais que se celebran nos centros de ensino e na
Universidade dende hai uns 15 días”, engaden dende a
Coordinadora, “os colectivos convocantes, como AGAPEMA, APETEGA
e ENCIGA, pretenden que o alumnado aprenda ciencia sen ningún tipo
de prexuízos, nin sobre a ciencia, nin sobre as posibilidades de
aprendizaxe da ciencia en calquera idioma”.