Copias de Stranger Things en 4K confirman a vulneración dos sistemas anti-copia de Netflix

luns, 8 de xullo do 2019 Marcus Fernández

A finais da semana pasada veu a luz a terceira tempada da serie de televisión Stranger Things, un dos grandes éxitos de Netflix, que está a servir de grande demostración de que terían vulnerado a seguridade da tecnoloxía de protección anti-copia da plataforma de streaming, xa que emerxeron na Rede numerosas copias dos novos capítulos en ultra alta definición.
Lembremos que para poder reproducir os contidos de Netflix en 4K non chega con ter un plan de subscrición básico, senón que habería que contratar o plan Premium, que custa 15,99 euros/mes, o que para algúns é barreira dabondo como para recorrer a solucións alternativas para conseguir os contidos con tal resolución, de aí que sexa preocupante que sexan capaces de superar a actual protección Widevine empregada por Netflix.
Ao parecer xa existen varias ferramentas que facilitan a vulneración da protección de Netflix, o que resultou especialmente visible coa estrea e filtración de copias de Stranger Things, pero cómpre lembrar que a actualización das proteccións é relativamente doada, de xeito que o máis probable é que en poucos días actualicen a versión de Widevine para continuar a carreira entre o gato e o rato habitual entre o sector audiovisual e os que queren eliminar os seus sistemas de DRM.

PUBLICIDADE