Coremain participa nun proxecto para facilitar misións críticas de emerxencia dende o ar

martes, 5 de xullo do 2016 Redacción

A empresa galega Coremain, emprazada no Polígono de Costa Vella de Santiago, é unha as impulsoras e participantes do Proxecto Enxame (Proyecto Enjambre), unha iniciativa estatal para encamiñar e facilitar misións críticas de emerxencia con medios aéreos tripulados (e non tripulados) en voos cooperativos. Segundo fai saber a firma galega, Enxame centrarase en tres prioridades da Estratexia de Seguridade Nacional. Estas son: ordenación de fluxos migratorios, protección ante emerxencias e catástrofes e seguridade marítima. Nestas áreas, engádese, o sector privado pode dar soporte tecnolóxico ao ámbito público, achegando innovadores servizos que faciliten a cooperación entre ambas frontes. Cooperación para, por exemplo, encetar misións críticas do xeito máis seguro, eficaz, eficiente, rendíbel e sustentábel posíbel. Aquí entra en xogo, precisamente, Enxame.
Entre outras cousas, encamíñase a facer máis doado e factíbel o uso de aparellos non tripulados, complementando a situación actual (medios tripulados para as misións de observación e posterior intervención) coa introdución e afianzamento de novas e avanzadas tecnoloxías para o voo e o control de aparellos, por exemplo a tecnoloxía RPA (Remotely Piloted Aircraft, ou sexa vehículos aéreos que se gobernan retomamente dende terra).
Segundo lembra Coremain, o obxectivo concreto do proxecto é “o desenvolvemento dun novo servizo de misións críticas de emerxencias onshore e offshore, que permita a actuación cooperativa e segura de aeronaves tripuladas e non tripuladas nun mesmo espazo aéreo, dispondo de vehículos aéreos que desempeñen exclusivamente labores de observación ao servizo das aeronaves tripuladas de intervención, facilitando a toma de decisións durante as operacións”.
Grazas a este servizo poderanse reducir os custos de investimento, operación e mantemento das operacións, aumentando a cobertura e a eficiencia do servizo. Enxame contará ás súas costas cun consorcio multidisciplinar formado por Inaer, Coremain, PildoLabs, Álava Ingenieros e Temai, e tamén por FADA-CATEC, UA, UCO, UPC E ULE. O proxecto abrangue catro anos de traballo e conta un orzamento de 9,8 millóns de euros.

PUBLICIDADE