Corenta emprendementos disruptivos presentaranse no Pont-Up Store 2025
mércores, 30 de xullo do 2025
Presentado polas entidades organizadoras como “o evento de emprendemento máis importante do noroeste peninsular”, Pont-Up Store facía pública este mércores 30 de xullo a relación das iniciativas empresariais seleccionadas para a súa décimo segunda edición, que terá lugar en Pontevedra o 19 e 20 de setembro. Promovido pola Universidade de Vigo, no marco do Campus Crea, e organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, este encontro permitirá coñecer 40 “emprendementos disruptivos”, como sinalan desde a organización.
Destes, un total de 32 contarán cun espazo na carpa do evento na praza de España, mentres que outros oito proxectos foron seleccionados para presentar os seus modelos de negocio no encontro Pont-Up Venture, dirixido a achegarlles oportunidades de financiamento.
As máis de 150 candidaturas recibidas “volven deixar dous datos moi claros sobre o ecosistema emprendedor galego”, sinalan desde a organización dun evento que conta coa colaboración de Concello de Pontevedra, Deputación Provincial e Xunta de Galicia. En concreto, nesta edición destacan novamente “as empresas con base no rural”, que representan máis do 59% das iniciativas presentadas, así como os proxectos liderados por mulleres, que representan máis do 60% das propostas recibidas.
Entre as iniciativas seleccionadas para esta nova edición dun evento dirixido a empresas con menos de tres anos e medio de traxectoria atópanse iniciativas como as seguintes:
-A empresa canguesa Masel presentará en setembro no Pont-Up Store unha ferramenta de xestión para hostelería con Intelixencia Artificial (IA) integrada que, ademais de axudar a reducir mermas en cociña e barra, integra unha aplicación móbil para camareiros e clientes e un sistema de reserva de mesas que minimiza o impacto das temidas ausencias ás que se enfronta o sector nos últimos tempos.
-A empresa de Moaña, Serenia Solutions SL enfoca as súas innovadoras solucións tecnolóxicas innovadoras ao coidado e benestar das persoas. O produto co que se presenta nesta edición do Pont-Up Store é unha asistente virtual orientada a persoas maiores e séniors que ofrece acompañamento e entretemento ao mesmo tempo que fai monitoraxe de distintos aspectos da saúde, como a ansiedade, a depresión ou o deterioro cognitivo, a partir das conversas. As interaccións cos usuarios son supervisadas pola IA na procura de posibles indicios de problemas de saúde cognitiva ou emocional ofrecendo así un importante servizo de prevención e coidado da saúde.
-Agrolistik é unha aplicación que pon en contacto a propietarios de leiras con tractoristas e outras persoas do sector forestal, solucionando o problema que supón atopar a alguén disposto a limpar unha leira. O equipo impulsor desta proposta, nacida en Sanxenxo ao abeiro da empresa Agro4Impact, aspira a converterse no sector agrícola e forestal o que Uber é aos coches. Trátase dunha nova firma tecnolóxica spin-off da Universidade de Vigo que se desenvolveu con axuda dos fondos IGNICIA da Xunta e actualmente está xa monetizando cos primeiros contratos relevantes.
-Tamén se presentará PROA2 Care, un leite de inicio para lactantes elaborado con leite 100 % A2 procedente de vacas galegas das razas Holstein e Jersey en réxime de pastoreo. Esta formulación innovadora mellora a dixestibilidade e achega a composición da fórmula á do leite materno. Adicionalmente, intégranse ingredientes premium seleccionados a partir de investigacións previas do equipo da USC, como probióticos e subprodutos valorizados da industria láctea. Ademais, escolleuse un perfil lipídico inspirado no leite de nais con patróns dietéticos saudables, reducindo o uso de aceites vexetais. A previsión é comercializar a mediados do 2026. No Pont-Up Store contarán cun espazo onde resolverán dúbidas das familias e ofrecerán mostras deste produto desenvolvido pola empresa de Lugo PROA2 Health, pioneira en Galicia, xurdida dun grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela con máis de 10 anos de experiencia en nutrición e no desenvolvemento de alimentos seguros e saudables.
Estas son só algunhas das 40 iniciativas que acudirán a Pontevedra en setembro para presentar as súas ideas de negocio.
