Corgos destaca a colaboración público-privada como panca para a innovación e a ciberseguridade na automoción galega
xoves, 22 de xaneiro do 2026
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, puxo hoxe en valor a colaboración público-privada no ámbito da innovación como elemento clave para impulsar a competitividade de sectores estratéxicos para Galicia como a automoción. Fíxoo durante a presentación do piloto de ciberseguridade do vehículo autónomo na rede 5G do Campus de Vigo.
Neste contexto, Corgos explicou que esta iniciativa é froito do acordo aprobado pola Xunta para destinar preto de 8,5 millóns de euros á creación dunha rede de laboratorios especializados en ciberseguridade aplicada ao transporte, dos cales a AMTEGA achega arredor do 75 %. Un investimento orientado a reforzar a seguridade e a confianza nun ámbito clave da mobilidade intelixente.
O conselleiro destacou tamén que o desenvolvemento deste vehículo, no que converxen tecnoloxías como o 5G, a intelixencia artificial e a internet das Cousas, exemplifica a aposta da Xunta por unha transformación dixital baseada na especialización tecnolóxica e adaptada ás necesidades do territorio, co obxectivo de mellorar a calidade de vida e xerar riqueza.
Neste sentido, subliñou que falar de mobilidade intelixente implica necesariamente abordar a ciberseguridade, dado que as ameazas neste ámbito poden ter efectos directos sobre a seguridade viaria, a protección dos datos e a confianza da cidadanía.
“Detrás da consolidación deste logro hai moito traballo e un apoio permanente da Xunta para impulsar a dixitalización e a innovación do sector”, sinalou, lembrando que o primeiro coche autónomo que circulou por España foi fabricado en Galicia e realizou o 23 de novembro de 2025 un percorrido de 600 quilómetros entre Vigo e Madrid.
Durante a súa intervención, Miguel Corgos incidiu en que unha das principais fortalezas da automoción galega é a existencia de empresas presentes en todas as fases da cadea de produción, que configuran un polo de innovación integrado por máis de 200 compañías, así como o papel do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, con máis de dúas décadas de experiencia no desenvolvemento de solucións avanzadas para a mobilidade. Un ecosistema público-privado que sustenta a expansión dun sector que achega máis do 15 % do PIB galego, cunha facturación anual próxima aos 13.000 millóns de euros e que representa máis do 30 % das exportacións da comunidade.
O conselleiro concluíu reiterando o compromiso da Xunta coa automoción, recollido no Plan director da automoción 2023-2027, dotado cunha achega económica de 185 millóns de euros.
