Corgos inaugura é-Tecnolóxica e loa o traballo “invisible pero esencial” que desempeña AMTEGA
mércores, 28 de maio do 2025
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, inaugurou este 28 de maio na Cidade da Cultura a xornada é-Tecnolóxica. Alí destacou o traballo esencial da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para desenvolver unha Administración e uns servizos dixitais eficaces, personalizados e accesibles para todos os galegos.
Durante a sesión apertura da xornada, Miguel Corgos puxo en valor a capacidade da AMTEGA para “descubrir e adaptar ás necesidades específicas de Galicia as oportunidades que ofrecen avances tecnolóxicos como a Intelixencia Artificial, a nova economía do dato, a robotización de procesos administrativos ou de procesos de produción, a Internet das Cousas ou a ciberseguridade”.
Nesta liña, referiuse a algúns dos proxectos singulares enmarcados neste proceso de transformación, entre os que destacou, a modo de exemplo, a aplicación XuntaEU, o proxecto Lonxas 4.0 e o proxecto Galiciana Semántica. “Son tres exemplos dun traballo que implica a todas as políticas que son competencia da Xunta, como a xestión do territorio, a mobilidade e o transporte, a educación, a Xustiza, o desenvolvemento rural e a atención ás persoas maiores”, explicou, ao tempo que agradeceu “o traballo esencial e, moitas veces, invisible que desempeña a AMTEGA” e “que garante que as cousas funcionen cada día nas oficinas da Administración, nos xulgados, nos centros educativos, nas residencias de maiores, nas lonxas do peixe, etc.” Un labor, recordou, que “se puxo de manifesto dun xeito moi eficaz fai hoxe un mes, cando o pasado 28 de abril, durante o apagamento da subministración eléctrica, os sistemas informáticos da Xunta e dos servizos públicos autonómicos mantivéronse en todo momento activos”.
A xornada contou tamén co director da Axencia, Julián Cerviño, que presentou a Memoria Anual deste organismo. Cerviño destacou que en 2024, a Axencia manexou un orzamento de 210,6 millóns de euros e adxudicou contratos por valor de 167,2 millóns de euros. Entre as actuacións destacadas polo director da AMTEGA atópanse os avances en Administración Dixital e ferramentas como a aplicación XuntaEU; a progresión na universalización de servizos públicos dixitais, como a educación, a xustiza, o transporte ou os servizos sociais; ou as melloras na capacitación dixital da cidadanía, como a posta en marcha da nova Certificación Galega de Competencias Dixitais (COMDIX).
Durante a xornada analizouse, coa participación de persoas usuarias, a evolución dos proxectos de Galiciana Semántica–Memoria Dixital de Galicia; a aplicación GaliciaEU e a Sede Electrónica, e a iniciativa Lonxas 4.0.
