Correos homenaxea a La Abadía del Crimen cunha emisión de selos

mércores, 26 de abril do 2017 Marcus Fernández

A Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos iniciou en 2015 a publicación de coleccións de selos conmemorativos dedicadas ao sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación, comezando un prego de 6 selos hexagonais dedicado ás redes sociais, ao que seguiu outro sobre o comercio electrónico, ambos bastante sobrios, de aí que resulte especialmente agradable a sorpresa de que a colección que emitirán o 8 de maio está dedicada ao mundo dos videoxogos, que decidiron ilustrar homenaxeando o 30º aniversario de La Abadía del Crimen, un clásico de culto que para moitos é o videoxogo español que marcou o teito da Idade de Ouro do Software Español.
Esta emisión aparece en forma dun pequeno prego con imaxes sacadas do videoxogo de 1987 que incluso incorporan un elemento interactivo: incluíuse tinta termocrómica de xeito que ao deslizar o dedo sobre os espellos (portas) poderanse descubrir 6 obxectos diferentes que son as probas do xogo real. O prego complétase cun aceno á evolución da tecnoloxía sendo unha parte pergamiño e outra unha pantalla de televisión.
Correos emitirá 180.000 mini pregos de 162,8 x 162,8 milímetros que inclúen 6 selos de 0,60 euros con forma hexagonal de 21,245 milímetros de lado, que converteranse en toda unha peza de colección para os afeccionados aos videoxogos de 8 bits e, moi especialmente, aos xogos españois que marcaron unha xeración.
A elección de La Abadía del Crimen é todo un acerto, xa que o xogo supuxo todo un reto técnico no seu día e incluso contou con remakes feitos por afeccionados para PC e outras plataformas, mantendo viva a obra do desaparecido Paco Menéndez e de Juan Delcán.

PUBLICIDADE