Corrixen o grave fallo de seguridade de macOS High Sierra

mércores, 29 de novembro do 2017 Marcus Fernández

O escandaloso fallo de seguridade que afectaba ás últimas versións de macOS que estes días saíu á luz pública, e do que advertían nos foros de desenvolvedores de Apple hai máis de dúas semanas, ten xa unha actualización de sistema que corrixe o fallo de identificación que permitía entrar os Mac sen contrasinal ningún e con permisos de administrador, podendo así acceder a todos os contidos e incluso realizar modificacións no sistema.
Sobra dicir que todos os usuarios de macOS 10.13.1 deberían instalar o antes posible o parche de seguridade que vén de lanzar Apple, xa que corrixe un fallo que nalgunhas situacións incluso pode explotarse de xeito remoto, sendo posiblemente unha das vulnerabilidades dun equipo informático moderno máis grave que pode lembrarse.

ACTUALIZACIÓN (30-11-2017): O parche para o fallo de seguridade publicouse coa axilidade debida, pero sen pasar os debidos controis de calidade, e tras evitar que un usuario puidese identificarse como root sen contrasinal o sistema de compartir arquivos en redes locais deixaba de funcionar. Falta agora que publiquen o parche do parche, aínda que mentres tanto hai unha solución temporal consistente en introducir unha instrución mediante a liña de comandos.

PUBLICIDADE