Cortos.com achega as mellores curtas nacionais e internacionais aos iPhone

martes, 18 de xaneiro do 2011 Raquel Noya

A telefonía móbil, grazas a dispositivos como o iPhone de Apple ou outros similares de Samsung ou Nokia, estanos a aportar distintos servizos á cidadanía que eran impensables ata hai poucos anos. Predicións fiables da climatoloxía, traducións de voz e datos de outros idiomas ao noso en tempo real, xogos interactivos e ata servizos de GPS con mapas actualizados e en cor, etc. Practicamente todo ten cabida xa nos nosos dispositivos móbiles con conexión á Rede, especialmente as creacións audiovisuais, cuxo consumo ocupan unha boa parte do tempo que os internautas (e agora tamén os usuarios de Internet móbil) dedican a navegar pola Rede.
Unha ferramenta que, dende agora, cubrirá unha boa parte desta demanda audiovisual é Cortos.com, a última aplicación de balde que sae ao mercado para os usuarios de iPhone, que permite ver no devandito móbil, as mellores curtas nacionais e internacionais.
A curtametraxe é, segundo afirman os creadores da ferramenta (que pronto sairá ao mercado tamén para Android), “un produto atractivo, de curta dureación, doada de clasificar e de temática popular, que debería ter un lugar máis privilegiado dentro da insdustria audiovisusla”.
Xa que logo, a telefonía móbil proporciónalle aos profesionais do sector e aos amantes do sétimo arte, “un sinfín de oportunidades”, e é aquí onde ten cabida Cortos.com.
Entre outras cousas, a aplicación permítelle ao usuario manterse informado diariamente de festivais, novas, escolas e empresas provedoras de servizos e equipos de todo o mundo. E é moi útil para os seareiros e afeccionados das curtametraxes que demandan entretemento de calidade para todos os públicos.

PUBLICIDADE