Coruña Bloggers celebrará o seu décimo aniversario cunha edición especial o 6 de xuño

mércores, 8 de abril do 2026 Redacción

Coruña Bloggers conmemorará en 2026 o seu décimo aniversario cunha edición especial que terá lugar o vindeiro 6 de xuño no Espazo Avenida Abanca, no Cantón Grande da Coruña. A organización prepara unha xornada ampliada, cun formato que combinará contido, experiencias e actividades de comunidade ao longo de sete horas.
O evento, que ao longo da última década consolidou a súa posición como punto de encontro para creadores de contido e profesionais do ámbito dixital, acumula xa 34 edicións celebradas, máis de 2.400 asistentes e arredor de 80 relatores. Porén, desde a organización subliñan que o valor principal do proxecto vai máis alá das cifras, facendo fincapé nas conexións persoais e profesionais que xorden en cada convocatoria.
A edición deste ano incluirá charlas, entrevistas, xogos e diversas sorpresas, mantendo tamén un dos seus sinais de identidade: o networking entre asistentes. Ademais, non faltarán espazos máis distendidos que favorezan a interacción informal, un dos elementos que contribuíron á consolidación da comunidade ao redor de Coruña Bloggers.
Como en edicións anteriores, o evento terá un compoñente solidario. A entrada consistirá na achega mínima de tres quilogramos de alimentos non perecedoiros, que serán destinados á Cociña Económica da Coruña. Neste aniversario, a organización fixa como obxectivo acadar media tonelada de produtos recollidos, unha meta que pretende reforzar o impacto social da iniciativa.
As invitacións para asistir ao evento distribuiranse proximamente, segundo avanzan os organizadores, que apelan á participación da comunidade para celebrar unha década de actividade marcada pola creación de contido, o intercambio de ideas e a construción de redes profesionais na cidade.