Coruña Digital Pymes achegará ás empresas formación en transformación dixital

luns, 20 de maio do 2024 Redacción

A alcaldesa da cidade herculina, Inés Rey, presentou esta mañá o programa Coruña Digital Pymes, unha iniciativa que permitirá ás pequenas e medianas empresas locais recibir formación de balde en transformación dixital a partir do mes de setembro. No acto de presentación a rexedora estivo acompañada por Venancio Salcines, presidente do consello reitor de CESUGA e presidente de EF Business School. Até María Pita achegáronse representantes das asociacións empresariais da cidade e outros colectivos relacionados co sector privado.
Coruña Digital Pymes enmárcase no plan Generación Digital Pymes impulsado polo Ministerio para la Transformación Digital e está financiado con fondos europeos Next Generation. Na cidade, o Concello e CESUGA xestionarán o seu desenvolvemento.
O programa ofrece unha mestura de coñecemento e liderado dixital que proporcionan as ferramentas dixitais adecuadas para lograr un mellor posicionamento do tecido empresarial no novo mercado. A formación, valorada en 14.000 euros, será gratuíta e está deseñada para equipos de dirección de pemes de entre 10 e 249 traballadores e traballadoras.
O curso será impartido, a partir do mes de setembro, por un equipo de profesionais expertos en activo no ámbito da transformación dixital. Consta de 146 horas docentes de metodoloxía práctica e personalizada, impartidas en formato mixto presencial e online, con mentorías e sesións específicas con casos prácticos de éxito. "A Coruña é o principal motor económico de Galicia e queremos que as súas pemes crezan estando ao día nos procesos de dixitalización", indicou Inés Rey.
As empresas coruñesas interesadas en participar neste programa poderán formalizar a súa participación no proceso selectivo a través da páxina web da iniciativa.