Coruña Dixital achegounos aos ingredientes para facermos os mellores GIF e memes

luns, 20 de novembro do 2017 Redacción

O programa Coruña Dixital, a iniciativa do Concello destinada a facer visíbel e dinamizar as comunidades dixitais da cidade e a súa contorna (facilitando a participación activa da veciñanza en novas prácticas culturais e creativas), segue adiante con múltiples actividades de divulgación onde, amais de achegar formación e capacitación dixital, compártense coñecementos e habilidades en circulación de sentido duplo. Este sábado, sen ir máis lonxe, celebrouse un claro exemplo de obradoiro “implicador”: o Taller de narrativas populares contemporáneas, encadrado na programación de #LAIC. A actividade, que xuntou uns 20 participantes, contou coa presenza activa (impartindo contidos e abrindo xanelas de coñecemento) de Lucas Tello e Pedro Jiménez, do colectivo ZEMOS98 de Sevilla.
Entre outras cousas, ao longo do obradoiro déuselle forma a un collage con retratos dun personaxe e recortes de revistas, unha escolma de GIF pensados para a mente doutra persoa ou unha colección de historias de Instagram. Os integrantes de ZEMOS98 explicaron o punto de partida do taller, que está, sinalaron, “na concepción da cultura mediática a partir da remestura e o hackeo das narrativas mainstream”; e logo abordaron unha manchea de exemplos concretos desta cultura do aproveitamento das linguaxes e os contidos populares cara a códigos e formatos innovadores, afondando nos tipos de comunicacións que teñen que ver coa memética e a viralidade, como os memes dixitais e os GIF animados.
Lucas Tello mostrou unha tipoloxía dos devanditos GIF, unidades mínimas de vídeo que se reproducen en bucle e que se usan con función comunicativa, para expresar emocións de maneira humorística apropiándonos de anacos de vídeos domésticos, películas ou programa de televisión. Respecto dos memes, fixeron fincapé nas metodoloxías usadas para acadar a máxima efectividade nos mesmos: afastándonos da brincadeira privada e abeirándonos ao universal, os contextos culturais comúns, aquilo que entenderíamos nós e mailas persoas máis afastadas do planeta.

PUBLICIDADE