Coruña botará man das TIC para promover a inserción laboral

luns, 24 de xullo do 2017 Redacción

O emprego, nas nosas cidades e vilas, vai ligado de maneira estreita ás novas tecnoloxías. Tanto a nivel de formación como de ocupación. Se hoxe abrimos falando do Concello de Lugo e das súas medidas para favorecer a inserción laboral de 150 mozas e mozos, agora é a quenda da Coruña, cuxo Goberno local vén de anunciar que vai pór en marcha nas vindeiras semanas un plan de emprego directamente envorcado nas novas tecnoloxías da información. A iniciativa Coruña Emprego Xove, impulsada pola área de Emprego e Economía Social, ten como finalidade “abordar a capacitación profesional de mozas e mozos que están a piques de rematar a súa etapa formativa co obxectivo de facilitar a súa inserción sociolaboral”. O proxecto, sinalou o edil Alberto Lema, desenvolverase ao longo de 18 meses, comezando este verán e prolongándose até o final de 2018.
Segundo engadiu, o planpromoverá o retorno ao ensino formal”, co obxectivo que as mozas e mozos poidan obter “unha formación básica previa, necesaria e fundamental para abordará a súa profesionalización con garantía de éxito”. Para o desenvolvemento destes itinerarios, que incluirán prácticas profesionais, a proposta desenvolverá un centro aberto de titorías personalizadas para as usuarias e usuarios, denominado Espazo de Emprego Xove. Este centro aberto encamiñarase a mellorar a empregabilidade xuvenil a través “do acompañamento e a estimulación da participación responsábel en actividades ocupacionais de carácter tanto individual como colectivo". Ao seu abeiro, incidirase no deseño e execución de accións complementarias, “innovadoras e baseadas nas novas tecnoloxías”, segundo especifica Lema, dirixidas a orientar e motivar á mocidade para a procura activa de emprego e o seu mantemento.
O edil tamén fixo saber que o Concello contará a partir deste ano cun reforzo de 650.000 euros dos fondos DUSI para fomentar a formación e a empregabilidade a través das novas tecnoloxías da información.
O concelleiro explicou tamén que o programa recibiu 476.633,32 euros do Fondo Social Europeo.

PUBLICIDADE