Coruña lánzase a democratizar as TIC botando man do poder de convocatoria das bibliotecas

martes, 9 de xaneiro do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello da Coruña presentou onte un ambicioso programa de alfabetización dixital que bota man das posibilidades de interacción cidadá das bibliotecas municipais para tentar reducir a fenda que separa das novas tecnoloxías ás persoas non usuarias das mesmas. Dito doutro xeito: trátase dun programa que reduce ao mínimo os atrancos para a democratización do acceso ás TIC, grazas ao “papel activo das bibliotecas coruñesas”, sinalou na presentación o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande. Segundo engadiu, a iniciativa abranguerá 54 cursos e a posta en marcha dun Servizo de Atención Tecnolóxica personalizado, que se dirixe a resolver as dúbidas e consultas dos usuarios das bibliotecas. Sobre a cuestión de porqué centralizar este compromiso a prol da alfabetización dixital nos ditos centros, Sande explicou que “son o centro de referencia na vida dos barrios”, polo que se sitúan como o axente idóneo para favorecer este tipo de transmisión do coñecemento.
Segundo dixo, os cursos do Programa de Inclusión Dixital comezarán este mesmo mes de xaneiro. As actividades, puntualizou, diríxense sobre todo “a aqueles colectivos que, por diversas motivacións xeracionais, laborais ou formativas, fan un uso nulo ou primario das ferramentas”.
En total, até finais de outubro, ofreceranse 54 cursos dentro desta nova liña formativa, dirixidos a diversas tipoloxías de persoas usuarias, desde aquelas que non dispoñen de coñecementos neste ámbito até as que queiran adquirir habilidades necesarias para o uso seguro da Rede.
Serán seis as propostas que se impartan: Iniciación á informática e Internet e correo electrónico (dirixidas a persoas cun descoñecemento absoluto do manexo dun computador e Internet), Empregabilidade (para persoas interesadas na busca e mellora de emprego), Procesamento de textos (para o deseño, elaboración e impresión de documentos con procesadores de textos), Configuración de teléfono móbil (para persoas sen coñecementos sobre as posibilidades de personalizar o seu dispositivo), Marca persoal en Internet (para aquelas persoas con presenza activa na Rede, especialmente en redes sociais), Seguridade en internet (para pais, nais, educadoras e persoas usuarias preocupadas polas implicacións non visíbeis do ámbito dixital) e, finalmente, Libro electrónico (para o uso e manexo deste tipo de libros impulsando o consumo legal de contidos dixitais de calidade e actualizados).
Todos os cursos desenvolveranse nas bibliotecas do Ágora, Castrillón, Infantil e Xuvenil, Fórum, Monte Alto, Rosais e Sagrada Familia. Nesta última terá lugar o primeiro dos obradoiros deste ano, Iniciación á informatica, Internet e correo electrónico, que se celebrará do 22 de xaneiro ao 2 de febreiro, en 10 sesións, e cuxa inscrición estará aberta a partires do vindeiro día 15. Esta poderá formalizarse de xeito presencial na propia biblioteca da Sagrada Familia. Todos os cursos, datas de realización e de inscrición poderanse consultar tanto na páxina web municipal, coruna.gal, coma en calquera dos centros da rede municipal.
Amais de todo o devandito o programa de obradoiros acompáñase da posta en marcha do novo Servizo de Atención Tecnolóxica, unha proposta mediante a cal, unha persoa educadora ou monitoria atenderá, na aula de informática da biblioteca correspondente ou noutro espazo habilitado, as consultas e demandas puntuais de axuda de calquera usuaria das bibliotecas. Este servizo, que se atopará no Ágora, Castrillón, Infantil e Xuvenil, Fórum, Monte Alto, Rosais e Sagrada Familia (os mesmos centros nos que se ofertarán os cursos formativos), atenderá cuestións básicas, pero concretas, relacionadas coa configuración de dispositivos móbiles, con ferramentas e plataformas de redes sociais e de Internet en xeral, ou con trámites concretos que necesiten asesoramento puramente tecnolóxico.
O servizo está dispoñíbel desde xa na Biblioteca de Monte Alto (odos os luns, agás os festivos, en horario de 10.00 a 13.00 horas) e desde o vindeiro 15 de xaneiro na Biblioteca do Castrillón.

PUBLICIDADE