Cos pés na terra, Bibopalula e Clanes, premios especiais dos XXIII Premios Mestre Mateo

venres, 28 de febreiro do 2025 S. P.

O Pazo da Deputación de Pontevedra acolleu este 28 de febreiro a xuntanza de finalistas dos XXIII Premios Mestre Mateo, a antesala da gala de premios que se celebrará en Lalín o 15 de marzo. No acto estiveron representantes da Academia Galega do Audiovisual, da Deputación e de AGADIC, ademais das finalistas dos XXIII Premios Mestre Mateo. A xuntanza iniciouse coa entrega dos premios especiais, que recaeron no programa Cos pés na terra e nas series Bibopalula e Clanes. Despois tivo lugar a tradicional foto de familia das finalistas.
José Luis Ramírez Matos, director da zona de Pontevedra Metropolitana de Abanca foi o encargado de entregar o Premio Abanca ao impulso da sostibilidade ao programa Cos pés na terra "por contar desde 2011 a través de máis de 200 programas as pequenas e grandes historias de persoas que apostan polo rural como medio de vida, ensinando como saen adiante cada día, con esforzo e esperanza, promovendo unha cultura de amor e coidado polos recursos naturais". En palabras da Academia, Cos pés na terra é unha serie sobre xente que tomou unha singular decisión vital: facer do rural o seu futuro. Cos pés na terra, producido por Filmax para a CRTVG, empezouse a emitir en setembro de 2011 e acumula máis de 200 programas en antena. Foi o gañador do Premio Mestre Mateo a Mellor Programa na última edición e finalista a outros recoñecementos como os Premios Celtic Media Festival 2022 ou os Premios PRODOCS #DocTV.
Marcial Gende, representante de Deleite, entregou o Premio Deleite á promoción da lingua á serie Bibopalula "por ofrecer a unha nova xeración de nenos e nenas a posibilidade de desfrutar dunha serie de animación feita na nosa lingua, e transcender o audiovisual a través dunha ampla oferta de contidos complementarios que sinalan un camiño cara un escenario máis optimista para o futuro do galego". Bibopalula é a primeira serie musical de debuxos integramente en galego, segundo salientou a Academia, destacando que o proxecto foi creado por Laura Mahía e Andrés Mahía e producido por Undodez en colaboración coa Televisión de Galicia. A serie está protagonizada por un grupo musical chamado A Banda do Bosque, formado por un merlo, un paporrubio, unha pega e un peto. Os catro amigos, xunto con outros paxaros, vivirán aventuras relacionadas coa natureza, a música e o seu entorno onde se enxalzarán valores como a amizade, a empatía ou a resolución de conflitos de maneira pacífica. Ademais, ao redor da serie destacan iniciativas como a publicación dun conto infantil, contido adicional en Youtube, unha aplicación móbil específica, a participación en plataformas de música e unidades didácticas para os colexios. Podemos vela na plataforma Agalega.
Xoan Allegue, presidente das Bodegas Martín Códax, foi o encargado de entregar o Premio Martín Códax Rías Baixas, Fillo do Atlántico á serie Clanes dispoñíbel na plataforma Netflix, "pola autenticidade e espectacularidade coa que se retrata a riqueza paisaxística da comarca do Salnés, como marco e escenario principal dunha trama de thriller, intriga e romance, que colleita éxitos de audiencia a nivel mundial". Clanes é unha serie dirixida por Rogel Cual e protagonizada por Tamar Novas, Clara Lago, Xosé A. Touriñán, Melania Cruz, Francesc Garrido, Miguel de Lira e Diego Anido entre outros. As localizacións cobran especial protagonismo na historia. A serie está rodada principalmente en Galicia, nas Rías Baixas, en concreto na ría de Arousa. Conta a historia dunha nova avogada que chega para establecerse na pequena vila de Cambados. Chámase Ana e a súa presenza non pasa desapercibida para ninguén, incluído Daniel, fillo dun importante narcotraficante e cabeza visible do “clan dos Padín” mentres o pai permanece en prisión. Ana, con ampla experiencia nun dos mellores bufetes de Madrid, decidiu comezar de cero en Cambados coa intención de saldar contas co seu pasado.
A gala dos XXIII Premios Mestre Mateo celebrarase o vindeiro 15 de marzo en Lalín e recoñecerá o talento das producións galegas máis salientables do último ano.