Covadonga Toca (IGAPE) mantivo un encontro co equipo directivo de DIHGIGAL
xoves, 17 de agosto do 2023
A directora
do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Covadonga Toca,
mantivo un encontro co equipo directivo de DIHGIGAL, o hub de
innovación dixital para a industria de Galicia, no que se avaliou a
importancia da innovación e da transformación dixital nas nosas
pequenas e medianas empresas para acadar unha posición de liderado
competitivo a nivel global.
Na reunión púxose de manifesto a necesidade de
seguir apostando pola colaboración coas administracións públicas
para lograr o maior desenvolvemento do ecosistema industrial e
tecnolóxico da nosa Comunidade e fortalecer as competencias das
empresas, en especial as pemes industriais, ligadas á transformación
dixital.
DIHGIGAL naceu en 2019 como hub da
industria de Galicia, aglutinando aos principais representantes de
demanda e oferta tecnolóxica (máis de 400 entidades,
maioritariamente pemes, máis de 20.000M€ de facturación e máis
de 50.000 empregos directos). Ademais de por a súa alta
representatividade, o seu rol no impulso da transformación dixital
da industria vén avalado polo seu recoñecemento como hub
estratéxico pola Xunta de Galicia (2019), o Ministerio de
Industria, Comercio e Turismo (2021) e a Comisión Europea (2022). A
iso hai que engadir unha ampla rede de contactos internacionais entre
os que destaca a súa pertenza ás principais redes europeas de datos
(European Data Federation e Big Data Value Association)
e de manufactura (EDIH-Manufacturing).
O funcionamento do hub
articúlase na través de dúas comisións: demanda e oferta
tecnolóxica. A primeira delas reúne a algunhas das empresas máis
representativas de Galicia xunto con pequenas e medianas empresas e
novas firmas innovadoras (startups) que conxuntamente
definen os retos da industria galega. Mentres, a Comisión de Oferta
agrupa as principais capacidades tecnolóxicas do territorio:
Universidades, Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), CESGA,
Cluster TIC, Innovalabs, FEUGA, KPMG, CuatroDigital, Abanca, etc. É
nesta comisión onde se definiron dúas áreas de máxima importancia
no ámbito tecnolóxico como son a Intelixencia Artificial e a HPC
(computación de altas prestacións) dando lugar a dous grupos de
traballo/nodos.