Covadonga Toca sitúa a Gradiant como referente en IA, emprendemento e innovación

xoves, 2 de outubro do 2025 S. P.

A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Covadonga Toca, visitou este xoves 2 de outubro as instalacións de Gradiant, centro tecnolóxico emprazado en Vigo e centrado en solucións de telecomunicacións e tecnoloxías dixitais aplicadas á industria, con máis de 400 clientes e un forte crecemento en facturación e emprego nos últimos anos.
Durante a visita, Toca Carús puxo en valor a traxectoria de Gradiant como “referente europeo en innovación dixital, destacando a súa aposta pola Intelixencia Artificial, a ciberseguridade, a análise de datos e as comunicacións avanzadas”.
A directora subliñou tamén a relevancia do emprendemento tecnolóxico que se xera arredor de Gradiant, que xa deu lugar a varias firmas novas (spin-off) de éxito internacional e que vén de lanzar TRL13, o primeiro fondo de investimento deep tech en Europa impulsado por un centro tecnolóxico español.
“A capacidade de transformar coñecemento en proxectos empresariais innovadores é un activo fundamental para Galicia, e o Igape está a acompañar estes procesos desde a súa nova área de Innovación”, sinalou.
Covadonga Toca concluíu destacando que “Galicia ten que seguir avanzando cara a unha economía innovadora, dixital e competitiva, e centros como Gradiant son aliados imprescindibles para facelo posible, combinando ciencia, tecnoloxía e emprendemento co apoio da Xunta”.