Crash Bandicoot sorprende cun novo xogo para móbiles

xoves, 23 de abril do 2020 Marcus Fernández

Os runners son principalmente xogos para dispositivos móbiles que teñen como grande referente o Temple Run, ao que seguiron títulos como Lara Croft: Relic Run ou Sonic Jump, compartindo unha sinxela mecánica: correr cara adiante sen parar, saltando ou efectuando movementos que permitan coller recompensas e evitar obstáculos, como tamén fai un novo xogo que nos pillou realmente por sorpresa: Crash Bandicoot Mobile.
Este novo xogo recupera ao célebre Crash Bandicoot da man de King, compañía que confía na popularidade do personaxe para darlle certa popularidade, aínda que ao estarmos ante un xogo free-to-play, tomaron a precaución de lanzalo de xeito progresivo, de xeito que non o tempo oficialmente en España (aínda que hai xeitos doados de descargalo recorrendo a fontes fóra de Google Play).
No xogo controlamos a Crash, personaxe que debe evitar que o Dr. Neo Cortex destrúa o multiverso, para o que terá que superar numerosos niveis e derrotar a grandes inimigos, para o que basicamente saltará, deslizarase, xirará ou desprazarase lateralmente mentres vai a fume de carozo. Teremos multitude de obstáculos, inimigos e camiños ocultos, que prometen moita diversión para os seareiros deste personaxe tan carismático. Un xogo doado de manexar e bastante divertido, que polo momento só está dispoñible en inglés e con restricións xeográficas, polo que a meirande parte de usuarios preferirán agardar unhas semanas para poder instalalo nunha versión oficial completa.

PUBLICIDADE