Crazy Taxi, Sonic Adventure e Quake 3: Arena camiño da Xbox 360

luns, 19 de abril do 2010 Marcus Fernández

Unha consola Xbox 360 debug, ou sexa, destinada á proba de xogos antes do seus lanzamento oficial, serviu para filtrar unha serie de imaxes das que poderían ser as vindeiras estreas de luxo en Xbox LIVE Arcade, que non serían outros que o os clásicos de SEGA Sonic Adventure (que podería aproveitar o lanzamento de Sonic 4 para recibir certa atención) e Crazy Taxi (franquía so presente nunha consola de Microsoft no Crazy Taxi 3: High Roller para a primeira Xbox, e que non é compatible coa Xbox 360) xunto co agardado Quake Arena Arcade, que sería unha adaptación do Quake III: Arena, con 15 mapas adicionais.
No caso dos títulos de SEGA, non sorprendería que aparecesen tamén para PlayStation 3 coma xogos descargables, pero haberá que agardar aos seus anuncios oficiais para coñecer máis detalles.

Crazy Taxi é un clásico de Dreamcast que poderemos gozar na Xbox 360

Sonic Adventure sería un título máis da mascota de SEGA para a Xbox 360

A revisión do Quake 3: Arena leva bastantes meses anunciada

PUBLICIDADE