CreaR recala esta finde en Vilanova de Arousa

martes, 26 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

Segue adiante, vento en popa, o proxecto educativo-tecnolóxico CreaR. A iniciativa, dirixida aos pequenos da casa (mostrándolles os beneficios da programación, a robótica e a Intelixencia Artificial) e tamén aos maiores (achegándolles recomendacións, pautas e claves para teren unha alfabetización dixital axeitada e garantirlla, tamén, á xente máis nova), chegará o sábado 30 de marzo a Vilanova de Arousa, logo do seu paso por Carballo.
Segundo lembra a firma R, organizadora do proxecto, as sesións terán continuidade até finais de ano, con novas actividades sobre Intelixencia Artificial e programación e charlas didácticas noutras cidades e vilas da nosa terra.
Respecto da cita deste sábado en Vilanova, os obradoiros de robótica (dirixidos a nenos e nenas de entre 7 e 12 anos), desenvolveranse de 11:00 h a 13:00 h no Centro de Desenvolvemento Local, no Pazo de Vista Real, coa finalidade de “potenciar a creatividade nos cativos, espertar o seu espírito emprendedor e adestralos en habelencias coma o traballo en equipo ou a oratoria”.
A nova etapa de CreaR, incluída a cita de Vilanova, inclúe varias vertentes. En primeiro lugar, retómanse os obradoiros de robótica para nenas e nenos de entre 7 e 12 anos, cos que se quere “potenciar a creatividade dos cativos, espertar o seu espírito emprendedor e adestralos en habelencias como o traballo en equipa ou a oratoria”. Segundo informa R, o proxecto temático destas novas xeiras será a programación e construción dunha cidade, incluíndo cousas como un coche con plastilina condutiva (con luz de seu), un semáforo programado ou unha barreira de acceso. Estes obradoiros terán dúas horas de duración e neles terán cabida un máximo de 30 nenas e nenos. “O noso obxectivo”, explican dende R, “é achegarlles unha experiencia divertida para gañaren en seguridade e dar saída ao seu talento”. Ao carón disto, porase o foco nos valores do emprendemento e nos alicerces dos conceptos STEAM: ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas.
Para desenvolver ao máximo os ditos obxectivos, a operadora volverá contar coa colaboración da escola Líbolis Pequenos Emprendedores e o seu innovador método educativo.
Por certo que os obradoiros CreaR tamén terán contidos para nais, pais e docentes, que poderán escoitar (mentres a rapazada se divirte e crea) consellos dun pedagogo especializado para resolver dúbidas sobre a educación dos que si naceron na era dixital; e sobre o bo uso que adolescentes e millennials poden facer da internet e das redes sociais. Estas charlas sobre temas diversos desenvolveranse en espazos adxacentes aos talleres CreaR e están pensadas para un máximo de 40 persoas. Pilotando as sesións estará o equipo de Sherpa Digital, resolvendo dúbidas sobre a contorna dixital.
Os novos talleres e as charlas do programa CreaR arrincaron a súa andaina o pasado 23 de febreiro en Carballo, e logo da cita de Vilanova e até o final de ano, visitarán tamén as localidades de Ourense, Monforte de Lemos, Nigrán, A Coruña, Pontevedra, Ribeira e Narón.
O proxecto educativo CreaR está aberto ao público xeral, tanto a clientes como a non clientes do operador galego. Tan só é preciso contar con algún dos convites que R porá a disposición da xente nos puntos de venda das localidades onde se celebre a acción cada mes.
Os obradoiros enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta (a través da axencia AMTEGA) para estimular o talento precoz no ámbito das TIC e fomentar vocacións nas profesións científico-tecnolóxicas especialmente entre mozos e mozas dende idades temperás.

PUBLICIDADE