Crean na UVigo unha ferramenta informática que facilita a diagnose de electrocardiogramas

martes, 21 de xaneiro do 2020 Redacción

O investigador e profesor Víctor Mondelo, responsábel do sistema

A Universidade de Vigo deu a coñecer detalles sobre unha ferramenta informática creada no seo do Campus de Ourense: o sistema ECGDT, creado para facilitar a diagnose dos electrocardiogramas, dando un máis que relevante apoio ao persoal sanitario no seu quefacer diario e á hora de tomar decisións. O responsábel do seu desenvolvemento é Víctor Mondelo, enxeñeiro informático e profesor da UVigo, quen salienta o carácter sinxelo e intuitivo da ferramenta, que xa está ao dispor da comunidade científica en aberto.
A súa orixe está na necesidade de encarar dende o punto de vista funcional e informático o importante crecemento das doenzas cardiovasculares, que son a principal causa de morte a nivel mundial, especialmente nos países desenvolvidos.
A creación da ferramenta contou coa colaboración de membros do Grupo Lia2 da Universidade de Vigo, ao que pertence o seu autor, e foi realizada no marco da tese de doutoramento de Víctor Mondelo, presentada este curso académico na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense co título Sistema de Apoio á Diagnose de Electrocardiogramas, dirixida por María José Lado e Arturo José Méndez.
“Considerando a elevada incidencia das enfermidades cardiovasculares, a relativa sinxeleza coa que un electrocardiograma permite obter gran cantidade de información sobre o funcionamento do corazón, e tendo en conta que hoxe existen varios sistemas de monitoraxe de electrocardiogramas pero menos alternativas de diagnose”, apunta o investigador, “pareceunos interesante desenvolver un sistema de apoio á diagnose de electrocardiogramas como ECGDT”. Estes sistemas, detalla, poden emitir “unha diagnose que despois ten que ser supervisada e validada polo persoal sanitario”.
ECGDT é unha ferramenta estruturada, de forma que calquera usuario con coñecementos en análise e diagnose de electrocardiogramas pode empregala, con indepencia do nivel de coñecementos informáticos dos que dispoña. Así, indica Víctor Mondelo, ECGDT conta cunha interface “amigábel e intuitiva, de doado manexo e coas funcionalidades necesarias en cada momento sempre a man”.

PUBLICIDADE