Crean un dispositivo que axuda a evitar as multas por radares de tramo
mércores, 2 de febreiro do 2011
Xusto cando os condutores e
condutoras nos iamos acostumando a conducir coa vista posta no arcén das
estradas a fin de detectar os radares camuflados e reducir a nosa velocidade de
cruceiro para evitar sen sancionados, veñen os de tráfico e inventan os radares de tramo, que obrigan a estar
continuamente pendente da velocidade que levamos e non baixar a garda en ningún
momento.
Porén xusto no día que estes
dispositivos saltan aos medios porque en Madrid empezan a sancionar por infraccións detectadas con este
sistema de control de velocidade en túneles, vén Vexia e anuncia a saída ao
mercado da súa tecnoloxía Radar Túnel para ter
baixo control a velocidade nestes tramos.
O sistema empregado por Vexia
funciona cunha tecnoloxía intelixente que controla o tempo que o noso vehículo
pasa dentro dun determinado túnel, para logo, en función da velocidade que
levemos, indicar en vermello, laranxa ou verde se é motivo de sanción ou non.
Deste xeito, o sistema avisa en
vermello que debemos reducir a velocidade se non queremos ser sancionados; en
laranxa se imos moi xustos e en verde se estamos efectuando o tramo no tempo
axeitado.
O obxectivo desta ferramenta é
axudarlle aos condutores a levar unha velocidade media correcta para non ter
problemas coas multas e sobre todo, para evitar ter que facer unha freada de
emerxencia e perder así o control do vehículo.