Creative asegura nitidez total na súa nova cámara web

luns, 16 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

Se facemos caso do que nos di a casa fabricante (Creative) a Live! Cam Optia AF sería o aparello destas características máis avanzado do mundo. Os motivos da dita compañía para ter lanzado unha afirmación da maneira baséanse no seguinte: o trebello inclúe tecnoloxía Auto Focus (sendo a primeira vez que unha cámara web sae ó mercado con este sistema, sinala a empresa) e sensor CMOS de 2 megapíxeles. A cámara web, que destaca tamén polas súas lentes de precisión, iría encamiñada a pór fin (dunha vez por todas) á vella teima da gran industria de meter no mercado tecnoloxía que pixeliza por norma tódalas conversas, meténdonos nos miolos a idea de que non é posible outra alternativa que saírmos, por dicilo así, “borrallentos”.
Segundo sinala Creative, a tecnoloxía Auto Focus “asegura que a imaxe do usuario sexa sempre clara e, xunto coas lentes de cristal multi-elemento de gran calidade, garante unha experiencia máis natural durante as comunicacións de Internet”.
O sensor CMOS permite capturar vídeo en resolucións de até 1.600 x 1.200. A cámara tamén inclúe micrófonos duais e a tecnoloxía Live! Audio, que “garante a meirande calidade de voz sen ruído algún de fondo”.

PUBLICIDADE