Creative estrea un reprodutor compacto con Bluetooth e radio FM

venres, 6 de maio do 2011 Marcus Fernández

Os usuarios que gusten dos reprodutores musicais portátiles compactos que acheguen prestacións máis avanzadas que un iPod shuffle estarán encantados de botar un ollo ao novo Creative ZEN Sytle M300, que aparte das características habituais dun reprodutor de MP3 tamén incorpora Bluetooth 2.1 para facilitar o goce da música sen fíos (empregando auriculares ou altofalantes Bluetooth), sintonizador de radio FM (con 32 presintonías) e almacenamento interno de entre 4 e 16 Gb ampliable mediante tarxetas de memoria microSD de ata 32 Gb.
O dispositivo só mide 55 x 44 x 12 milímetros, ten unha pantalla TFT de 1,45 polgadas (que pode empregarse tamén para amosar a hora), é compatible con ficheiros nos formatos máis habituais (MP3, WMA, WAV, Audible 4, Audible AAX, imaxes JPEG e vídeo SMV), conta con micrófono para gravación de voz e unha autonomía de 20 horas (reproducindo MP3 a 128 Kbps).
Este reprodutor é moi doado de empregar (conéctase por USB ao ordenador e non precisa de software adicional para a xestión dos seus contidos) e sae á venda en catro cores (negro, branco, vermello e amarelo) a 49,99, 69,99 e 89,99 euros nos seus modelos de 4, 8 e 16 Gb respectivamente.

En Pocket-lint xa probaron este dispositvo

PUBLICIDADE