Cristiano Ronaldo usa as redes sociais para anunciar a súa recente paternidade

luns, 5 de xullo do 2010 Raquel Noya

Por se os usuarios e usuarias de Facebook e Twitter non tiveramos suficiente con ter que aturar continuamente comentarios do tipo de “podemos”, “soy de la roja”, “viva España” (incrible pero certo), “Villa marabilla” ou ata un completo Pai noso que nos incita directamente a rezar pola selección a grito de “…Pai noso que estás en Sudáfrica, Santificado sexa Del Bosque…”, que saturan as nosas contas lembrándonos unha e outra vez que o noso país paralizarase de novo co fútbol durante os vindeiros días, un coñecido xogador (por certo xa eliminado do Mundial) vén de dar unha exclusiva que fará que os días que restan da competición non teñan o mesmo sentido. Trátase de Cristiano Ronaldo, o multimillonario xogador do Real Madrid e comandante da selección portuguesa de fútbol, que vén de anunciar a través de Twitter e Facebook que acaba de ser pai dun neno, do cal terá a tutela de maneira exclusiva. No texto, supostamente redactado polo futbolista, Cristiano Ronaldo di, textualmente en inglés que, “con grande alegría e emoción infórmovos que me convertín en pai dun neno recentemente. Segundo acordei coa nai do bebé, que prefire manter a súa identidade no anonimato, o meu fillo estará baixo a miña tutela de xeito exclusivo”. Asemade, indica que non volverá a facilitar información sobre este tema (a ver se é verdade) e pídelle a todos que “respecten o seu dereito á intimidade (e á do neno) a lo menos nun tema tan persoal como é este” (tan persoal como morboso digno das mellores revistas do corazón que non terán que pagar pola exclusiva).

PUBLICIDADE