Cruz Vermella e R bótanse á estrada para levar as tecnoloxías ás persoas maiores

luns, 13 de setembro do 2021 S. P.

A operadora de telecomunicacións R desenvolveu este 13 de setembro na Dársena da Mariña da Coruña a primeira acción do programa Enredando tour R. Fíxoo na compaña da Cruz Vermella (co-organizadora do programa) e impartindo contidos didácticos para romper cos obstáculos que impiden a inclusión dixital ás persoas maiores. A xira Enredando tour R, que conta coa colaboración da Consellería de Política Social, chegará a 11 localidades das catro provincias galegas. Máis datos en Enredando.gal.
Durante un mes, o programa percorrerá localidades galegas cunha aula móbil para romper a fenda dixital e ofrecer contidos formativos tecnolóxicos específicos. O propósito é “enredar” persoas maiores no universo das novas tecnoloxías dun xeito lúdico, ofrecéndolles a degustación dun “menú tecnolóxico” á súa medida.
Na actividade de arrinque participaron a conselleira de Política Social, Fabiola García, a presidenta de Cruz Vermella Galicia, Carmen Colmeiro, a concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación do Concello da Coruña, Yoya Neira, o director de Empresas de R e do Grupo Masmóvil, Isidro Fernández de la Calle, e a responsábel do proxecto Enredando de Cruz Vermella en Galicia, Trinidad de Lorenzo.
Fabiola García asegurou que se trata dun proxecto que “permitirá que medio milleiro de persoas teñan acceso ao mundo enteiro a través dos seus teléfonos móbiles, que lles serven para conectarse cos seus, entreterse e facilitarlles o seu día a día. Neste programa, Cruz Vermella conta cun investimento da Xunta de 50.000 euros”.
Pola súa banda, Carmen Colmeiro destacou que “en Cruz Vermella queremos estar preto das persoas, é algo que nos caracteriza; e tamén apostamos por poñer a tecnoloxía ao servizo da poboación. Esta iniciativa permítenos ambas as dúas cousas. Dunha banda, que as persoas maiores non fiquen fóra do mundo dixital e gocen de todas as súas vantaxes e, doutra, que o feito de vivir en pobos ou zonas rurais non supoña unha desvantaxe para elas”.
Isidro Fernández de la Calle, pola súa banda, afirmou durante o acto de presentación que lle parece esencial “deterse e pensar nas necesidades tecnolóxicas de colectivos con serias dificultades para mergullarse no mundo dixital, como o son habitualmente as persoas maiores e outros grupos sensíbeis”.
Aula móbil “superequipada”
A acción de cada recalada da xira consiste nunha aula móbil con contidos formativos vencellados ás novas tecnoloxías. A aula é “unha furgoneta superequipada” que transporta os smartphones, portátiles, tabletas, altofalantes intelixentes... e todo tipo de accesorios para facilitar ese achegamento á realidade da tecnoloxía máis doméstica e presente en multitude de áreas da nosa vida cotiá”, explicou R na presentación.
A partir de hoxe e ata o 6 de outubro a aula móbil percorrerá 11 localidades das 4 provincias galegas. O periplo comezou esta mañá en pleno centro da Coruña e continúa no resto das localidades previstas segundo este calendario:
_13 de setembro: A Coruña
_17 de setembro: Cedeira
_20 de setembro: Viveiro
_21 de setembro: Sarria
_22 de setembro: Monforte de Lemos
_27 de setembro: O Carballiño
_28 de setembro: Verín
_29 de setembro: O Barco de Valdeorras
_4 de outubro: Lalín
_5 de outubro: Ponteareas
_6 de outubro: A Guarda
Para participar nas actividades de Enredando Tour R as persoas interesadas poden chamar ao teléfono gratuíto 900 825 030 ou escribir un correo electrónico a galicia@cruzroja.es.

PUBLICIDADE