Cruz Vermella e R capacitaron dixitalmente a máis de 340 persoas maiores nunha ducia de concellos galegos

martes, 23 de novembro do 2021 S. P.

A organización Cruz Vermella e a operadora R veñen de facer balance dos froitos conseguidos a través da súa xira conxunta pola xeografía galega para acadar maiores cotas de alfabetización dixital entre a xente de idade: a xira Enredando tour R. Segundo fixeron saber, percorréronse 11 localidades e achegouse capacitación TIC a 340 persoas maiores da nosa terra. A iniciativa contou coa colaboración da Xunta de Galicia.
Como dixemos un total de 346 persoas participaron nas distintas actividades do tour, levado a cabo entre o 13 de setembro e o 6 de outubro. O 81,9% das persoas participantes nos obradoiros foron mulleres e delas o 61,2% indicou que o seu coñecemento dixital era baixo e o 38,8% medio. No caso dos homes, o 70,6% percibe o seu coñecemento dixital como “baixo” mentres que o 25,5% di que é medio e o 3,9% alto.
Segundo explicou a Cruz Vermella, “grazas a estes talleres, impartidos nunha contorna lúdica e agradábel por persoal especializado e voluntariado, logrouse que os maiores lle perdesen un pouco o medo ás novas tecnoloxías e que desenvolvesen habilidades básicas para manexalas, aprender e avanzar”.
En cada unha das 11 localidades (A Coruña, Cedeira, Sarria, Viveiro, Monforte, Carballiño, Verín, O Barco de Valdeorras, Lalín, Ponteareas e A Guarda) instalouse a aula móbil de Cruz vermella e R. A finalidade era "enredar aos maiores no mundo dixital”, e para iso podían escoller, segundo os seus gustos e intereses, entre diferentes interfaces: smartphone, tabletas ou portátiles. A actividade estaba dirixida a persoas de 60 ou máis anos e a media de idade dos participantes foi de 73.
Propuxéronse catro menús/obradoiros para elixir, dedicados a abordar diferentes aplicacións e temáticas: navegar por Internet e usar o correo electrónico; utilizar o WhatsApp para comunicarse; facer xestións cotiás co SERGAS coa banca electrónica ou coas compras online, ou ben coñecer a factura electrónica. Os contidos expostos tiveron, en palabras da ONG, “moi boa aceptación e o 68,4% das persoas inscritas asistiron a varios talleres”.
Tendo todo isto en conta, impartíronse un total de 414 formacións.

PUBLICIDADE