Crysis Warhead chegará ás tendas europeas o 12 de setembro

xoves, 14 de agosto do 2008 Marcus Fernández

Crysis foi un dos xogos para PC que máis deixou impresionados nos seus días aos xogadores hardcore (considerado o mellor xogo para PC de 2007) aínda que contou coa crítica de que precisaba dun equipo demasiado potente para funcionar, e agora se aproxima a súa secuela, que afortunadamente parece que non elevará os seus requisitos técnicos (funcionará nun equipo a partir dun Pentium 4 a 2,8 GHz, Intel Core a 2.0 GHz ou AMD Athlon 2800+ con 1 Gb de RAM, tarxeta de vídeo con 256 Mb de memoria, Windows XP SP2 ou Vista e DirectX 9.0c ou DirectX 10).
O que si sorprende é que Crysis Warhead vai chegar ao mercado bastante antes do agardado, xa que se porá á venda en Europa o día 12 de setembro (saíndo 4 días despois nos EE.UU.), sendo un título especialmente recomendo para usuarios que queiran gozar duns espectaculares gráficos en alta definición.
O xogo se poderá adquirir a través da tenda en liña de Electronic Arts por 29,95 dólares, aínda que os usuarios que o reserven antes do seu lanzamento poderán mercalo por só 24,95 dólares. Cómpre lembrar que este novo título de Crytek está recomendado para un público adulto pola súa violencia.

PUBLICIDADE