Culleredo e A Coruña acollen a gravación da webserie galardoada no IV Carballo Interplay como mellor proxecto

venres, 1 de decembro do 2017 Redacción

Os concellos de Culleredo (parroquia de Celas) e A Coruña están a acoller estes días as sesións de gravación da proposta galardoada na pasada edición do certame de contidos dixitais Carballo Interplay como mellor proxecto de webserie en galego (un galardón dotado de 1.500 euros para a produción dos tres primeiros capítulos). Estamos a falar da webserie Hai vida en Bran? Nas xeiras de gravación está a traballar un equipo capitaneado por Ángela Andrada (creadora e protagonista do proxecto). O resultado do traballo estrearase na vindeira edición do certame. Segundo fixo saber Andrada, a súa proposta diríxese a “cambiar o rumbo do audiovisual rompendo estereotipos”.
Máis en detalle, a nova serie conta a vida de Mariña, unha moza licenciada en Belas Artes e seguidora do glam rock que volve á casa da súa nai, na pequena vila de Bran, despois de intentar, sen éxito, abrirse camiño no mundo do cómic. Segundo nos contan dende Carballo Interplay, trátase dunha comedia “con forte presenza musical e pequenas tinturas dramáticas” que retrata a Xeración Xabarín, os mozos de soños rotos, criados enfronte dun televisor, “aos que se lles prometeu que chegarían lonxe e que agora se atopan cun futuro incerto”. O equipo, amais de Andrada, está formado por Cristina Mariño, Pastor Rodríguez, Gonzalo Faílde e Daniel Celester. Tamén se conta para as sesións de rodaxe coas coñecidas actrices Isabel Blanco e Cris Iglesias.
Hai vida en Bran? estrearase na quinta edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que se celebrará os días 4, 5, 6 e 7 de abril de 2018 e que está en pleno proceso de recepción de propostas, tanto para a sección oficial a concurso como para o premio ao mellor proxecto de webserie en galego, que de novo estará dotado con 1.500 euros para a produción dos tres primeiros capítulos e se resolverá cunha presentación en directo durante o festival. As persoas interesadas en participar poden facelo a través da web www.carballointerplay.com.

PUBLICIDADE