Cultura anuncia proxectos innovadores para estreitarmos ligazóns coa lusofonía
mércores, 29 de maio do 2024
- O conselleiro de Cultura nunha imaxe de Nós Diario
A Consellería de Cultura ten na súa axenda varias frontes de traballo innovadoras para seguir estreitando ligazóns coa lusofonía e cos países irmáns do tronco galego-portugués. Así o fixo saber este mércores 29 de maio o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, garantiu no Parlamento de Galicia, en resposta a unha interpelación no pleno do Parlamento de Galicia. López destacou o traballo que se está levando a cabo no seu departamento para “espremer ao máximo as oportunidades” que brindan o galego e o portugués.
O conselleiro deu conta das “múltiples iniciativas” con “enorme resultado de éxito” que ten desenvolvido a Xunta para o impulso destes vencellos, a través coñecida popularmente como Lei Paz Andrade, aprobada por unanimidade con este fin no Parlamento de Galicia en 2014.
Precisamente no marco desta Lei, o conselleiro anunciou como actuación innovadora que a Xunta asinará proximamente un convenio co Instituto Camões para poder acreditar o nivel de coñecemento de portugués nos centros educativos de Galicia. Sobre isto, López Campos aclarou que, ata o momento, xa se teñen feito algunhas probas piloto por medio do programa Camões Junior en institutos de Educación secundaria, como o Alonso Ríos (Tomiño), o de Milladoiro (Ames); ou o San Clemente (Santiago de Compostela).
O Observatorio Galego da Lusofonía, en vindeiras datas
Ademais adiantou que en vindeiras datas porase en marcha o Observatorio Galego da Lusofonía, cuxo decreto de creación aprobouse xa no Consello da Xunta e que terá capacidade para achegar asesoramento ao Goberno, formular plans de acción e programar actividades de coñecemento, intercambio e programación neste eido.
Na súa intervención, o conselleiro sumou estas dúas novas iniciativas ás “innovadoras” que ao longo desta década o Goberno galego ten desenvolvido e que, segundo asegurou, teñen acadado “unha importante evolución” na percepción que a sociedade galega ten do portugués.
Referiuse á inclusión de España como Estado observador asociado da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa ou á celebración en Santiago de Compostela do Congreso Internacional sobre Procesamento Computacional do Portugués (PROPOR) 2024, o máis importante do mundo en procesamento da lingua portuguesa e Intelixencia Artificial, e que saíu dun país lusófono por primeira vez na historia.
Outros fitos acadados no marco deste compromiso, tal e como citou, son “a posibilidade de estudar portugués en todos aqueles centros nos que exista demanda e que actualmente xa fan máis de 5.000 alumnos”, ou o apoio ao proxecto Ponte...nas Ondas! no seu recoñecemento pola UNESCO como Patrimonio Cultural Inmaterial, un proxecto que tende pontes de comunicación tecnolóxica entre as dúas beiras do Miño.