Cultura anuncia vantaxes para as empresas que aposten polo galego e unha iniciativa IA para celebrar o Ano Castelao
mércores, 7 de maio do 2025
Coincidindo co mes das Letras Galegas, o Goberno galego, a través do conselleiro de Cultura, José López Campos, presentou unha serie de medidas para fortalecer a presenza e o uso da lingua en todos os ámbitos da nosa vida diaria, e tamén nas novas ferramentas dixitais, de uso referencial para as novas xeracións, e tamén para as non tan novas. Inclúese neste paquete de iniciativas a creación dun selo para impulsar o galego a nivel empresarial ou iniciativas de Intelixencia Artificial para conmemorar o Ano Castelo. No eido do audiovisual, salientou que a Xunta seguirá traballando para consolidar “Galicia como un gran escenario de rodaxes elevando as axudas ata case 7 millóns de euros”.
O selo
O conselleiro anunciou que a Xunta de Galicia porá en marcha un selo de recoñecemento para impulsar o uso da lingua no ámbito socioeconómico. Explicou que as empresas comprometidas co galego terán vantaxe na concesión de axudas e nos procedementos do Executivo autonómico. Para iso, tal e como informou, impulsarase a creación dun selo que poderá terse en conta nas convocatorias e que, ademais, servirá como criterio de desempate. “Somos conscientes da necesidade de fomentar o uso da lingua galega en toda a sociedade e por iso apostamos por unha nova medida de acción inmediata que se suma as xa anunciadas como os cursos para estranxeiros ou para o persoal sanitario e que permita outorgarlle unha maior visibilidade e prestixio”, apuntou o conselleiro.
Impulso ao sector do libro e Ano Castelao (IA no Gaiás)
López Campos anunciou que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude continuará co seu apoio a sectores estratéxicos como o do libro e co impulso este ano dunha ambiciosa programación enmarcada na celebración do Ano Castelao.
“Unha das pezas centrais desta programación será a experiencia inmersiva que inauguraremos no Museo Gaiás no mes de xuño”, avanzou o conselleiro. Esta proposta permitirá, a través da Intelixencia Artificial, que cada visitante teña a oportunidade de interactuar con este ilustre persoeiro. Trátase dunha mostra que, tal e como explicou López Campos, encádrase na liña de traballo posta en marcha pola Cidade da Cultura no eido dixital e das tecnoloxías e que continuará este ano co remate das primeiras obras no Centro de Artes Dixitais de Galicia, un proxecto pioneiro que permitirá aproveitar as oportunidades creativas do Gaiás xunto coa ventá de posibilidades que as tecnoloxías dixitais están ofrecendo como motor de desenvolvemento cultural e económico.
Máis dun centenar de actividades para celebrar as Letras Galegas 2025
A celebración das Letras Galegas dedicado ás cantareiras será outro dos fitos da programación deste ano. Ademais dun grande acto nas Torres de Mens, parroquia dunhas das homenaxeadas, o vindeiro 17 de maio, impulsarase tamén un amplo abano de actividades con máis dun centenar de iniciativas para todos os públicos. “Inclúense propostas en bibliotecas, museos ou centros escolares nas que vai poder participar toda a sociedade”, sinalou o conselleiro.
O conselleiro anunciou que neste 2025 o importe convocado en axudas ao sector audiovisual chegará a unha cifra próxima aos 7 millóns de euros co obxectivo de “garantir que o futuro do noso sector será tan brillante como o seu presente”. Así mesmo, avanzou a reclamación ao Goberno central “dun reparto xusto do fondo para o fomento da produción e difusión das linguas cooficiais” co obxectivo de fomentar o cine en galego e evitar discriminacións fronte a outras linguas.
Apoio aos videoxogos
No marco das industrias culturais, López Campos anunciou que se ampliará o apoio a outros sectores artísticos como a dos videoxogos. “Este ano resolvemos a primeira convocatoria dotada con fondos propios e imos continuar con este compromiso para poñer en valor todo o talento que emerxe dos centros educativos coa intención de que poida quedar e desenvolverse aquí, na nosa terra e na nosa lingua”, apuntou.
Así mesmo, realizarase unha aposta decidida por outros sectores como as artes escénicas ou a música con convocatorias para apoiar a creación de novos proxectos, o fomento da visibilidade de todas as disciplinas ou a elaboración, este mesmo ano, do primeiro Plan Estratéxico da Industria Musical en Galicia.
