Cultura e Educación achega máis dunha trintena de accións nas bibliotecas co gallo do Mes da Ciencia en Galego

martes, 31 de outubro do 2023 S. P.

A Consellería de Cultura e Educación impulsa este ano máis dunha trintena de actividades para celebrar este novembro o Mes da Ciencia en Galego nas bibliotecas da rede pública da Consellería, así como nas bibliotecas escolares. O obxectivo desta iniciativa é “sensibilizar sobre o valor de empregar o galego na divulgación científica”. Así o anunciaron este martes 31 de outubro o director xera de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, durante a presentación da programación de actividades, que se prolongarán ata o 30 de novembro.
No acto, que se celebrou na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, tamén participou a decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago, Elena Vázquez Cendón, quen subscribe o manifesto deste ano.
Anxo M. Lorenzo e Judith Fernández coincidiron na importancia desta iniciativa que axuda a “dar a coñecer e prestixiar a ciencia” a través da rede de bibliotecas e con “recursos cos que contamos para divulgar ciencia en galego e achegar á cativada a este campo na nosa lingua”.
Unha ampla axenda científica
A Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura, así como as bibliotecas públicas Miguel González Garcés da Coruña, de Lugo, Nós de Ourense, Antonio Odriozola de Pontevedra, Ánxel Casal de Santiago e Juan Compañel de Vigo acollerán ata 35 actividades de divulgación científica. Obradoiros de robótica, de astronomía, de arquitectura ou maxia, así como escape-rooms, mostras bibliográficas, charlas, contacontos e exposicións son algunhas das citas programadas para este mes. A programación completa pode consultarse nas páxinas web dos respectivos centros.
Ao mesmo tempo, as bibliotecas escolares tamén se unen a esta celebración promovendo o desenvolvemento de variadas iniciativas relacionadas coa ciencia. “Desde a creación do Plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE) procúrase a integración das ciencias e das humanidades a través de diversas actividades e de actualización da colección das bibliotecas dos centros educativos galegos”, salientaron os representantes da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.
Neste sentido, para apoiar a conmemoración do mes de novembro como Mes da Ciencia en Galego, hai aberto un portal cunha selección de materiais científicos (na web da Consellería de Cultura e Educación), así como unha colección de libros informativos en galego. Outras das iniciativas que impulsa a Consellería, relacionadas coa divulgación da ciencia en galego, son o proxecto Biblioteca Creativa e metodoloxías activas e traballos por proxectos.
A todo o devandito súmase o importante labor despregado polos equipos de dinamización da lingua galega e bibliotecas escolares. Entre as propostas máis salientábeis destacan as charlas, congresos, exposicións, audiovisuais, podcasts, guías de lectura e revistas, entre outras.

PUBLICIDADE