Cultura e Lingua e a USC dan continuidade e impulso a Neofalantes.gal

mércores, 31 de xullo do 2024 S. P.

A Consellería de Cultura e Lingua e a Universidade de Santiago volven xuntar forzas para dar continuidade á páxina web Neofalantes en Rede e crear novos recursos e contidos no eido audiovisual e redes sociais.
Así o fixeron saber o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o reitor Antonio López na sinatura da renovación do acordo entre ambas entidades, dotado con 80.000 euros, e que ten como obxecto tirar o máximo proveito das potencialidades do neofalantismo en materia de lingua e tamén en emprego xuvenil. No acto tamén participaron o secretario xeral de Lingua, Valentín García, e o profesor do grupo Novos Medios Xurxo Salgado.
“Trátase dun proceso relativamente emerxente con innegábeis posibilidades de futuro na dinamización da nosa lingua”, sinalou o conselleiro, poñendo o foco na mocidade neofalante e tamén nas persoas que veñen doutros territorios de fóra de Galicia e que se incorporan á nosa realidade cultural e sociolingüística.
Por certo que Neofalantes.gal é unha iniciativa do grupo de investigación Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua.
Incrementar o uso do galego nos espazos onde se move a mocidade
López Campos explicou que esta colaboración coa Universidade de Santiago abrangue os obxectivos do Plan de dinamización da lingua galega na mocidade que ten en marcha o Goberno galego “e co que se pretende mostrar á xente nova a utilidade de coñecer o galego e potenciar así o seu uso neste colectivo”. Deste xeito, puxo en valor que supón medidas dirixidas “a incrementar a súa presenza nos espazos nos que se move a mocidade”, así como a oferta de actividades e produtos en galego “en áreas como a tecnoloxía, o lecer, a cultura, o ensino ou o emprego”.
Novas accións coa renovación: redes sociais e incorporación do colectivo emigrante
O titular de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta lembrou que a colaboración neste eido coa Universidade de Santiago de Compostela comezou en 2021 a través do Grupo de Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación co recurso web Neofalantes.gal, portal de noticias que serve de nexo de unión da comunidade neofalante en galego e que recibirá un novo impulso co acordo presentado este 31 de xullo, incorporando novos usuarios das redes sociais co obxecto de seguir impulsando o uso da lingua galega entre a mocidade.
Nesta liña de reforzar as súas accións, concretou que se crearán novos contidos, vídeos e entrevistas coa finalidade de “abrir vías de colaboración e captación de novos usuarios para a rede social”. Tamén está previsto engadir unha canle empresarial e de emprego asociada a este portal web coa idea de atraer ao colectivo de persoas emigrantes, empresas interesadas e tamén ao tecido socioeconómico do mundo lusófono.
Finalmente, salientou que se potenciarán as investigacións académicas, premios multimedia, unidades didácticas e encontros sobre o fenómeno do neofalantismo.