Cultura mellora o acceso en liña ao patrimonio documental dos Arquivos de Galicia

venres, 8 de xuño do 2012 Raquel Noya

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de renovar a plataforma virtual dos Arquivos de Galicia, a fin de mellorar a súa consulta en liña e facilitarlle a busca de información aos seus usuarios e usuarias.
Esta web, que xa fora posta en marcha pola Xunta en 2004, tivo que renovarse para adaptarse ás novas demandas da cidadanía, así como ás ferramentas tecnolóxicas que hai agora no mercado e que permiten un mellor acceso aos contidos que achega, considerados de interese público.
Xa que logo, a nova ferramenta ofrece un acceso integrado aos sitios específicos de cada arquivo, “facilitando a busca de información mediante unha estrutura común”, afirman os seus desenvolvedores.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na presentación do novo portal web

A presentación da nova web, que tivo lugar esta mesma mañá na Cidade da Cultura, enmarcouse nos actos de celebración con motivo do Día Internacional dos Arquivos, que se celebra mañá, día 9 de xuño, en todo o mundo.
Sumándose a esta conmemoración, a Secretaría Xeral de Cultura tamén promoveu a tradución ao galego da Declaración Universal sobre os Arquivos, versión que se pode consultar, en exclusiva, na web do Consello Internacional de Arquivos.
A todo isto hai que sumarlle a intención da Consellaría de dixitalizar todos cantos arquivos e documentos sexa posible, a fin de facilitar a conservación e mellorar a súa difusión.
Para avanzar nesta dirección, a Consellería de Cultura e Educación ten diversos espazos de colaboración abertos con outras entidades, entre os que destaca a colaboración coa Fundación Penzol para a dixitalización do seu patrimonio documental e bibliográfico, e co Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela, para avanzar na dixitalización dos seus fondos.
Os seus responsables tamén destacan as actividades que realizan en colaboración co Cabido da Catedral de Santiago “que han permitir avanzar na dixitalización das áreas de documentación moderna e medieval”, informan, mailo proxecto de organización, informatización e restauración de fondos do arquivo diocesano e catedralicio do Bispado de Tui-Vigo.

PUBLICIDADE