Cultura mobilizará 6,5 millóns de euros en axudas para o sector audiovisual
mércores, 29 de outubro do 2025
Este 29 de outubro, tiña lugar a Comisión 3ª do Parlamento de Galicia, á que asistiron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, máis o seu equipo, para presentar os orzamentos do seu departamento para o vindeiro ano, que ascenderán ata os 150 millóns de euros.
A Xunta de Galicia manterá o vindeiro ano a senda orzamentaria comezada no pasado exercicio cun novo incremento dun millón de euros para accións de dinamización do uso da lingua.
A Secretaría Xeral da Lingua volve ser un dos departamentos máis reforzados para ir dando forma a unhas medidas que se sumarán as iniciadas xa este ano e entre as que se inclúen os primeiros exames en liña para certificar o CELGA 4, a organización de cursos para estranxeiros ou a formación para o persoal dos centros sanitarios e de xustiza.
Outra novidade para o vindeiro ano é a posta en marcha dun plan especial para impulsar a cultura na Ribeira Sacra, no marco da súa candidatura a Patrimonio da Humanidade, ou a creación dunha figura para recoñecer itinerarios culturais de interese autonómico que distingan o labor de concellos e entidades vencellados a rutas que contan cun alto valor cultural e que funcionan como unha importante ferramenta de dinamización cultural. Nesta liña, subliñouse a potencialidade da Ribeira Sacra e confíase en que acade “a máxima distinción patrimonial da UNESCO como xusto recoñecemento ao seu valor cultural excepcional”.
Outro dos departamentos que verán incrementado o seu orzamento de 2026, será a Dirección Xeral de Cultura, que contará cun 2,5% máis co obxectivo de continuar acompañando ao sector. Especial incidencia terá o ámbito do libro e da lectura “onde manteremos o noso apoio aos diferentes axentes da cadea de valor cun investimento de 3 millóns de euros para o vindeiro ano”.
No caso das industrias culturais, o responsable autonómico de Cultura explicou que no vindeiro exercicio manterase o apoio aos sectores das artes escénicas, a música e o audiovisual xunto co impulso a outros formatos como o videoxogo. Neste senso, as contas para o vindeiro ano inclúen máis de 6,5 millóns de euros en axudas para o sector audiovisual a través das cales se publicará unha nova convocatoria do fondo para a atracción de rodaxes, dotada con 2 millóns de euros. “Continuamos traballando para afianzar a posición de Galicia como escenario de rodaxes cunhas axudas que está previsto que xeren un impacto económico de aproximadamente 18 millóns de euros na nosa Comunidade”, afirmou.
Esta importante contía sumarase á liña de apoio á produción audiovisual, que, un ano máis, incrementa o seu importe para chegar ata os 3,5 millóns de euros co obxectivo de “seguir impulsando un sector cuxo desempeño non está deixando indiferente a ninguén como así o demostran os numerosos recoñecementos que acadan os profesionais galegos dentro e fóra das nosas fronteiras”.
No eido da música, López Campos salientou que as Contas de 2026 inclúen unha partida de 120.000€ para financiar as accións resultantes do Plan estratéxico que está elaborando o sector, así como unha achega de 400.000€ para novas axudas de ciclos de concertos. Nas artes escénicas, pola súa banda, ampliarase a Rede Galega de Teatros e Auditorios para que poida chegar a máis concellos, mentres que o Centro Dramático Galego continuará co seu labor de produción propia, así como de coproducións e promoción internacional cun orzamento de 670.000€.
No relativo a outros formatos como a danza ou o videoxogo, cómpre salientar que o Centro Coreográfico Galego pilotará as accións e programas derivados do Plan de danza, aprobado de maneira consensuada cos profesionais, mentres que o vindeiro ano activarase unha liña de axudas de 150.000€ para o desenvolvemento de videoxogos.
Outro apartado ocupa a Cidade da Cultura, que acubilla como principais obxectivos, a inauguración do primeiro Centro de Artes Dixitais, a ampliación do programa de residencias e o impulso dun plan de itinerancias para consolidar o Gaiás como “unha factoría cultural capaz de exportar proxectos a toda Galicia”. Para conseguilo, as contas recollen unha partida de 15 millóns de euros que permitirá poñer en marcha estes proxectos, así como dar soporte a un milleiro de traballadores de institucións da Administración tan relevantes como a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Axencia Galega das Industrias Culturais, das tres universidades galegas ou do Consello Superior de Investigacións Científicas.
No caso do emprego, seguirase traballando a prol da inserción laboral da mocidade con programas como o Xuventude Mentoring, que contará cun millón de euros, ou cunha nova convocatoria das axudas ao carné de conducir para vehículos e motos, ás que se destinarán 800.000€. Todo isto acompañado de medidas de lecer como a Campaña de verán, que nesta nova edición volve contar cun orzamento de case 5 millóns de euros.
