Culturgal baterá este ano récord de actividade

xoves, 30 de outubro do 2025 S. P.

A organización de Culturgal, a Feira das Industrias Culturais de Galicia que se celebra desde 2007 na cidade de Pontevedra, avanzou os pratos fortes da súa 18ª edición, que se desenvolverá do 28 ao 30 de novembro no Pazo da Cultura da cidade do Lérez e para a que volve contar coa implicación da Xunta como principal entidade financiadora. A Feira das Culturas Galegas baterá este ano o seu récord de actividade, coa participación de arredor de 750 artistas e outros profesionais do sector nas 225 citas programadas entre espectáculos, proxeccións, adiantos de proxectos, obradoiros ou mesas redondas.
Na presentación participaron Víctor López, presidente da Asociación Culturgal, e Camilo Franco, director da feira, ademais de representantes do resto de entidades colaboradoras. Por parte da Xunta e nomeadamente da Consellería cultura acudiron o secretario xeral da Lingua, Valentín García; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.
Sutil destacou que Culturgal funciona non só como plataforma desde a que difundir os servizos e produtos de todos os ámbitos artísticos “feitos aquí e no noso idioma”, senón tamén como unha moi interesante oferta cultural e lúdica de concertos, representacións escénicas, proxeccións audiovisuais, sinaturas de libros ou coloquios, entre outras moitas actividades.
Lembrou que en 2025 a Consellería de Cultura contribúe con 90.000 euros ao desenvolvemento de Culturgal, incrementando nun 5,8% a súa achega do ano anterior e “mantendo así a progresiva tendencia á alza desta colaboración económica en consonancia co propio crecemento da feira”.
En canto á programación de actividades, a organización destacou o protagonismo que terá a música cos concertos de Uxía e de Óscar Ibáñez na apertura e peche da feira, respectivamente, ou o regreso de Magín Blanco á música para público adulto, que celebrará cunha actuación en directo e a presentación do libro Percorrido.
Outro dos pratos fortes sobre o escenario do Auditorio do Pazo da Cultura será o espectáculo que Xosé AntonioTouriñán creou en exclusiva para Culturgal, así como un novo ciclo de narrativa oral, no que profesionais da dirección, da realización e guionistas explicarán os seus próximos proxectos como se dun conto se tratase.
No apartado audiovisual, ademais da proxección dalgúns dos títulos máis destacados deste ano, adiantaranse traballos que chegarán ás pantallas proximamente, como a serie Pensión incompleta, que se gravará nas catro linguas oficiais do Estado.
O Centro Dramático Galego, Chévere, Talía Teatro, Bengala Teatro ou Morra o Conto serán algunhas das compañías que falarán das súas próximas producións en Culturgal, mentres que na sección literaria destaca o acto no que actrices e cantantes galegas lerán fragmentos da obra de Begoña Caamaño, á que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2026, así como as intervencións de Manuel Rivas, Suso de Toro ou a escritora vasca Oihane Amantegui, entre outras.
Entre as novidades de 2025 destaca tamén o festival de grupos infantís de escolas de teatro de toda Galicia, que será a mañá do sábado, mentres que na do domingo se celebrará unha nova edición do Ven e baila.
A organización desta edición volve corresponderlle á Asociación Culturgal, integrada na actualidade pola Asociación Galega de Editoras, Punto.gal, Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET) e EspazoCoop.
Citas tecnolóxicas
O Culturgal será tamén un fervedoiro de actividades e presentacións tecnolóxicas. Por exemplo presentarase a competición FIRST LEGO League (programa educativo impulsado pola UDC que fomenta a vocación científico-tecnolóxica da rapazada), o videoxogo Hi-Score Science en galego (xogo gratuíto de preguntas e respostas para dispositivos móbiles que o CSIC e o Consello da Cultura Galega estrean na nosa lingua no Culturgal) ou a webserie de animación Bibopalula.
Tamén haberá sesións formativas e divulgativas sobre videoxogos (da man da Asociación Galega de Videoxogos e Contidos Interactivos), sobre IA aplicada ao sector audiovisual ou sobre tecnoloxías intelixentes para a xestión do patrimonio cultural (a cargo de Julián Cerviño, director de AMTEGA, que presentará o proxecto Memoria Dixital de Galicia).