Cuphead terá versión para Nintendo Switch

mércores, 20 de marzo do 2019 Marcus Fernández

Tras gañarse o corazón do público no E3 de 2015, en 2017 chegou a Xbox One e PC o xogo Cuphead, que coa súa estética de debuxo animado dos anos 30 achegaban un título de plataformas bastante básico no que o seu elemento forte eran os enfrontamentos a xefes finais orixinais e desafiantes. Pero este xogo de StudioMDHR Entertainment non vai limitarse a quedar aí, e hoxe anunciaron que o 18 de abril vai dar o salto á Nintendo Switch, permitindo tanto o xogo en solitario como dun modo cooperativo empregando os dous Joy-Cons.

JPEG - 97.5 KB
Grazas aos Joy-Cons será posible gozar do modo cooperativo de Cuphead en Switch

Cuphead para Nintendo Switch venderase a un prezo de 19,99 euros, e non só incluirá os contidos das versión para Xbox One e ordenadores persoais, senón que tamén vai recibir unha grande actualización na que permitirá que poidamos iniciar a campaña para un xogador co personaxe Mugman, gocemos de novas cinemáticas totalmente animadas e contemos con textos totalmente localizados a 10 idiomas máis (entre os que non falta o español e o portugués de Brasil). Estas novidades tamén chegarán o 18 de abril a todo o que mercase anteriormente o xogo (con independencia da plataforma en concreto).
O feito de que esteamos ante un xogo que inicialmente trunfou en Xbox One fai que os seus xogadores valoren a súa integración en Xbox LIVE, plataforma que vai chegar a Windows 10, iOS, Android e... Nintendo Switch, aínda que dende o StudioMDHR recoñecen que a integración do xogo de Switch en Xbox LIVE non terá lugar até dentro de varios meses, ou sexa, que chegará a través dunha actualización.

Tráiler de presentación de Cuphead para Switch

PUBLICIDADE